O Concello de Fene busca implicar á hostalaría na prevención do abuso do alcol
10-11-2017
A Casa da Cultura de Fene acollerá o luns 20 de novembro a partir das cinco da tarde o obradoiro de formación para un servizo responsable de bebidas alcólicas. Trátase dunha sesión dirixida a responsables de bares e restaurantes coorganizada pola área municipal de Benestar e a Fundación Alcohol y Sociedad, dentro da campaña "Ti serves, ti decides" coa que se pretende unha implicación activa da hostalaría na prevención do abuso de bebidas alcólicas e do alcolismo. A sesión durará 2 horas e está aberta á participación de profesionais do sector, que recibirán ao seu remate un manual de boas prácticas e un certificado acreditativo para o local do seu compromiso coa iniciativa.
"Ti serves, ti decides" é un programa de formación que botou a andar hai máis dunha década da man da Federación Española de Bebidas Espirituosas para fomentar na hostalaría unha atención responsable con respecto ao alcol. Neste sentido, o servizo responsable concíbese como unha ferramenta máis do traballo diario co que se busca proporcionarlle á clientela "unha experiencia social sana e agradable se deciden consumir bebidas alcólicas", tal e como figura na web do programa.
Por medio de cursos gratuítos impártense contidos orientados a mellorar a capacitación do persoal. Unha formación que trascende a simple explicación da normativa para meterse de cheo nas habilidades coas que previr e/ou evitar consumos abusivos.
A maior parte delas están recollidas nun decálogo que marca algunhas pautas doadas de poñer en práctica: recomendarlle á clientela que beba amodo e degustando a bebida, ofrecer petiscos de acompañamento, ter variedade de bebidas non alcólicas coas que alternar o consumo de alcol, ofrecerse a chamar taxis ou buscar outras opcións de transporte, ter moi en conta nas promocións aos condutores alternativos, non servir alcol a quen presenta un estado de embriaguez ou a quen dea mostras de estar baixo os efectos de drogas ou medicamentos, pedir sempre a documentación se se ten dúbida sobre a idade, non organizar competicións que inciten ao consumo abusivo, etc.
Estas recomendacións súmanse á de que o persoal non debe consumir alcol mentres está traballando e á de que os locais poden e deben ser axentes activos na prevención dun abuso que despois pode derivar nun accidente de tráfico e, se é reiterado, tamén nun alcolismo.
O obradoiro que se celebrará o luns 20 entre as 17 e as 19.00h require confirmación previa de asistencia a través do correo servizos.sociais@fene.gal ou do teléfono 981 342607 ext 2256. Serán necesarias un mínimo de 10 inscricións para que esta acción saia adiante. Todo apunta a que o número de participantes non será un inconveniente, dado que o Concello tamén implicou na difusión da actividade á Asociación de Comerciantes e Hostaleiros de Fene.
Tralo obradoiro todos os locais participantes recibirán un manual de boas prácticas, un certificado acreditativo emitido pola Fundación Alcohol y Sociedad e a Xunta de Galicia e, se se cumpren os requisitos, tamén un distintivo que acredita a condición de local comprometido cun ocio responsable.