O poeta Carlos Lixó gañador do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O poeta Carlos Lixó gañador do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O certame que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene, co apoio do Concello de Fene, ven de premiar o libro Murallas de pedra sen cemento que duran para sempre, do poeta Carlos Lixó Gómez. A obra gañadora nesta XXX edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé foi seleccionada entre 61 que se presentaron a concurso.


Carlos Lixó Gómez (Carreira, 1991) é graduado de Historia pola USC e doutorando en Historia Medieval na USC. Obtivo dúas veces o premio de relatos curtos do Concello de Cambre e o terceiro premio de relatos curtos do Concello de Ames. Algún poema seu foi publicado na revista Dorna. É colaborador de opinión no xornal dixital Sermos Galiza. Actualmente encóntranse realizando unha estancia de investigación na Universidade Nova de Lisboa.


O Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé naceu como homenaxe ao poeta fenés, tamén coñecido coma O Segrel do Penedo. Poeta popular e activista literario, Pérez Parallé foi un dos principais promotores da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.

 

O xurado desta XXX edición estivo composto por:

Chus Nogueira: doutora en filoloxía galega e ensaísta, é a Presidenta da Asociación Galega da Crítica. Foi membro do consello editorial de Letras de Cal e colaboradora habitual do "Diario Cultural" da Radio Galega, onde é a responsable da páxina de libros.

Jesús Castro Yáñez: poeta da Pastoriza, obtivo o Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé en 2015. Acaba de presentar o seu terceiro libro, ultramarino, publicado por Chan da Pólvora.

María Lado: poeta ceense, unha das voces máis emblemáticas da poesía galega actual. Ten unha obra xa extensa de interesante repercusión no público. Ten grande éxito como intérprete de poesía oral, sobre todo en espectáculos a dúo coa poeta coruñesa Lucía Aldao.