Representantes municipais celebran o vixésimo aniversario do Fondo Galego de Cooperación

Representantes municipais celebran o vixésimo aniversario do Fondo Galego de Cooperación

Preto dun cento de representantes de concellos galegos, da Xunta e de fondos de cooperación doutras comunidades autónomas, entre outros. O concello de Fene estaba representado neste acto polo  concelleiro Joaquín Ayala Garrido.


Celebraron o xoves 9 de novembro o vixésimo aniversario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade cun gran acto en Santiago de Compostela. Baixo o epígrafe “20 anos a Fondo coa Solidariedade”, a Cidade da Cultura acolleu un concorrido evento lúdico e reivindicativo, dinamizado pola compañía de clown Pallasos en Rebeldía.
A concelleira de Políticas Sociais da capital galega, Concha Fernández, foi a encargada de dar a benvida ao acto, no que defendeu “o papel dos concellos en materia de cooperación”. Tomoulle o relevo o presidente do Fondo Galego, Juan González, que ademais resultou elixido onte mesmo presidente da Confederación de Fondos a nivel estatal. O tamén alcalde de Nigrán destacou no seu discurso que “desde 1997 se teñen apoiado máis de 150 proxectos de cooperación en preto de trinta países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, na actualidade, Mozambique”.


Pola súa banda, o presidente de honra do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, Xulio Ríos, lembrou os comezos do Fondo Galego de Cooperación, impulsado polo propio IGADI, ao tempo que reivindicou a autonomía local. Na conmemoración destas dúas décadas de andaina subiu asemade ao estrado a vicepresidenta da Confederación de Fondos e presidenta do Fons Valencià, Xelo Angulo, quen apuntou que a Confederación representa a máis de 1.000 entidades locais “que impulsan políticas públicas con incidencia na cultura de paz, na consecución dos dereitos humanos e a prol dunha nova orde mundial”.


Por outra parte, o secretario xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Eduardo Ramonde, transmitiu a “emoción” e o “orgullo” do municipalismo ante o labor do Fondo Galego e subliñou que “temos que estar máis unidos ca nunca para que a axuda de uns a outros chegue”. O peche das intervencións institucionais correspondeulle á directora xeral da Administración Local, Marta Fernández-Tapias, quen incidiu no “encomiable obxectivo” do Fondo Galego: “unir forzas no eido local para apoiar a persoas que o necesitan a nivel global”.


Os discursos institucionais mesturáronse con actuacións culturais que serviron como mostra das actividades de sensibilización fronte as desigualdades que están a percorrer as deputacións e concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A Tropa de Trapo trasladou aos presentes ata Nicaragua a través dun dos seus contos, mentres que a escritora Marilar Aleixandre leu o poema que escribira para o libro ‘Palabras con Fondo’ e mais un relato de Carlos Casares incluído no mesmo volume. O broche de ouro púxoo Batuko Tabanka, grupo de mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, que difunde a música tradicional do arquipélago africano ao tempo que promove a interculturalidade. Ademais, proxectáronse varios vídeos sobre o Fondo Galego e nos soportais da Biblioteca instalouse a exposición ‘20 anos a Fondo coa solidariedade’.

O Fondo Galego de Cooperación

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade chega en 2017 ao seu vixésimo aniversario.