"Nin unha menos!!" Fene contra a violencia machista

"Nin unha menos!!" Fene contra a violencia machista

"Nin unha menos!!" Fene contra a violencia machista. Ese é o lema que preside desde o luns o cruce de Fene. O Concello volve facer deste xeito un chamamento para acabar dunha vez por todas coa violencia de xénero, que só no que vai de ano  levou 44 mulleres en todo o Estado e deixou en situación de orfandade materna a 23 menores. Así o reflicte, con toda dureza e friaxe, a última estatística oficial publicada polo Ministerio de Sanidade, Servizos sociais e Igualdade. E as cifras seguen indo a máis. A violencia machista mata, pero tamén oprime e anula tanto aquí como no resto do mundo. De aí que desde as institucións se poñan en marcha políticas de concienciación que van á raíz do problema: unha sociedade que en moitos casos segue mirando cara a outro lado en vez de ser parte activa na erradicación das condutas violentas contra da muller polo feito de ser muller. Nesta liña, a área de Benestar social e Igualdade programou para o próximo sábado dous eventos -un deles en colaboración coa Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra- no que ademais dunha performance e a música de Batuko Tabanka, tamén se lerá o manifesto  da campaña "O machismo oprime e mata desde a infancia".


A última macroenquisa de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Socias e Igualdade apunta a que un 13% das mulleres residentes en España de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella. O documento tamén extrapola a porcentaxes os testemuños recabados indicando que un 26% se viron sometidas a violencia psicolóxica de control -ciumes, control de horarios e actividades etc.- e  que un 20% sufriron violencia psicolóxica emocional, como insultos, intimidacións ou ameazas verbais, etc.

Dende 2003 ata maio do 2017, a Delegación de Goberno rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia, e 780 en España. A última estatística oficial publicada polo Ministerio de Sanidade, Servizos sociais e Igualdade revela a fría e dura cifra de que ata o 10 de novembro deste ano morreran no Estado 44 mulleres a mans das súas parellas ou exparellas. En 9 casos houbera denuncia previa do maltrato e en 5 había medidas de protección en vigor que foron quebrantadas polos asasinos. Outro dato: 23 menores quedaron orfos e orfas por causa da violencia de xénero no que levamos de 2017.

A Marcha Mundial das Mulleres vai aínda máis aló na súa análise da situación asegurando que nas estatísticas non entran todos os casos coñecidos de violencia machista:  "as administracións tan só recoñecen dous feminicidios durante este ano 2017 en Galicia, o de Virginia, de 55 anos, no Carballiño, e o de María José Mateo (Sesé), de 52 anos en Redondela. Mais aínda que non computan para as cifras oficiais, foron catro e non dúas as vítimas do machismo, xa que no mes de maio un meniño de 11 anos foi asasinado polo seu pai en Oza Cesuras. E durante o secuestro da súa filla de tan só 21 meses, asasinaban na Coruña a M.M.A, de 73 anos, quen foi atopada moida a paus a mans do seu ex-xenro".

A organización pon o foco "tamén no tipo de violencia que exercen os machistas no sistema patriarcal agredindo todo aquelo ao que ás mulleres lle teñen estima" e pregúntase "como é posible que a loita contra a violencia machista non sexa unha prioridade". A Marcha demanda "solucións e recursos" e que os orzamentos institucionais "tomen en serio a violencia", afrontándoa desde a educación en igualdade, a concienciación, a Xustiza, a protección ás vítimas e a sanidade.

Acto central do 25N

Fene volverá ser municipio anfitrión dos actos organizados pola MMM de Ferrolterra, que este ano elixiu o lema "O machismo oprime e mata dende a infancia", co que se quere reflexionar sobre o aumento de casos de violencia contra menores, vítimas utilizadas e asasinadas "coa única finalidade de facerlle o máximo dano á muller, á nai".

O evento desenvolverase o sábado a partir das 18.00h. nunha carpa situada ao carón do pavillón da Xunqueira e arrancará cunha performance que, en último caso, pretende sensibilizar sobre a "necesaria implicación de todo o mundo para illar os agresores e o propio machismo existente na sociedade". A posta en escena aproveitarase tamén para "lembrar ás mulleres asasinadas no que vai de ano no Estado Español" e para ler o manifesto redactado este ano pola MMM co gallo do 25N.

Na segunda parte da celebración do Día Internacional da eliminación da violencia contra da Muller, a actividade trasladarase ao CPS de San Valentín (Avda. do Mar 31-33 B11). Alí actuarán a partir das 19.30h. o grupo de mulleres caboverdianas Batuko Tabanka, de xira polos municipios socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas desta formación radicada en Burela que conta con 12 compoñentes. O espectáculo musical complementarase con breves intervencións sobre a cultura caboverdiana e a integración desta comunidade en Galicia. A emigración, a identidade ou a situación da muller son algún dos temas que abordan as cancións. A agrupación reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante.