O vindeiro luns abre o prazo para apuntarse ás actividades deportivas de Nadal do Concello de Fene

O vindeiro luns abre o prazo para apuntarse ás actividades deportivas de Nadal do Concello de Fene

Baile moderno, bailes de salón, judo, ximnasia artística, patinaxe e piscina. Son algunhas das disciplinas deportivas que cobrarán protagonismo este Nadal no Concello de Fene. A concellería de Deportes anuncia que o vindeiro luns, 11 de decembro, abre o prazo de inscrición para todas aquelas actividades que o precisen coma o campamento lúdico de Nadal “Campanadal” ou a actividade de patinaxe para nenos/as e adultos.

As persoas que desexen anotarse en calquera destas actividades poderán facelo do 11 ao 20 de decembro nas dependencias administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira en horario de luns a venres, de 9.00 a 13.30 horas, e os días 13 e 20 de decembro tamén en horario de tarde, de 16.00 a 19.00 horas

Segundo informan dende a concellería de Deportes, para outras actividades coma os xogos acuáticos en familia, non será preciso inscribirse previamente. Por outro lado, a Carreira San Silvestre de Fene, que este ano terá lugar o sábado 30 de decembro, rexerase polo seu propio calendario e regulamento, que será publicado en próximas datas.

Coa VII Exhibición Solidaria de Baile Moderno e Bailes de Salón comezará este sábado 9 de decembro o ciclo de actividades deportivas que organiza a Concellería de Deportes para o Nadal. Este primeiro evento terá lugar no Pavillón da Xunqueira (San Valentín), de 17.00 a 19.30 horas e contará coa participación das Escolas Municipais de Baile de Fene e Neda, Academia de baile Fusión Dance, Zona Dance, All Dance Studio, C.B. Móvete, C.B. Narón e Boris Pico Dance Center. No decurso desta exhibición, que organizan a Concellería de Deportes de Fene e a asociación xuvenil Fene Movemento, farase unha recollida solidaria de alimentos.

Tamén terá carácter solidario o Torneo de Minikatas de Judo que acollerá o pavillón da Xunqueira o sábado 16 de decembro, de 10.30 a 13.00 horas, coa participación de distintas escolas e clubs de judo da comarca. Neste caso recolleranse alimentos e material escolar en bo estado.  A entrada será libre e gratuíta námbolos dous eventos.

A programación deportiva de Nadal continuará o venres 22 de decembro coa IV Exhibición de Ximnasia Artística de Nadal, a cargo do alumnado do Club Escola Ximnasia Artística Ferrolterra. A actividade, aberta a toda a poboación, terá lugar no pavillón do Ramo (Barallobre), de 17.00 a 20.00 horas. A entrada será gratuíta.

Co comezo das vacacións escolares para os nenos/as, principiarán tamén os cursiños deportivos de Nadal do Concello de Fene. Dende a Concellería de Deportes anúnciase para o martes 26 de decembro o arranque do campamento lúdico deportivo de Nadal para peques “Campanadal” (precisa inscrición previa) no Pavillón da Xunqueira. Trátase dun campamento orientado aos máis pequenos, nenos/as nados/as de 2008 ao 2013, no que realizarán un montón de actividades variadas: xogos, manualidades, multideporte, baile, música,..  con contos cheos de maxia, con  historias e personaxes propias do Nadal que farán que os nenos e nenas se sintan a gusto, compartan, aprendan e gocen do Nadal. O campamento terá unha duración de 6 días (26, 27 e 28 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro) e o horario será de 10.30 a 13.00 horas . O custe da actividade ascende a 15,70 €/participante e o número de prazas é limitado (22).
 
O mesmo martes 26 de decembro, comezarán tamén na Xunqueira os cursiños de patinaxe para nenos/as (nados/as no 2013 e anteriores) e adultos, con tres grupos de aprendizaxe en cada hora que se distribuirán segundo as idades e o nivel dos/as participantes (dende iniciación a técnicas avanzadas). As clases de patinaxe terán unha duración dunha hora (de 10.00 a 11.00 e de 11.00 a 12.00 horas) e desenvolveranse os días 26, 27 e 28 de decembro e 2, 3 e 4 de xaneiro. Número de prazas limitado (24 en cada quenda). Para esta actividade, que terá un custe de 6.25 €/persoa, será precisa inscrición previa. Ademais, os/as participantes deberán levar patíns, casco, xeonlleiras e muñequeiras. Número de prazas limitado (24 en cada quenda).

A oferta de obradoiros de Nadal do Concello de Fene compleméntase este ano cunha nova edición dos “Xogos acuáticos en familia” na Piscina Municipal de Centieiras. Con esta actividade, o Concello de Fene oferta a nenos e nenas  a posibilidade de asistir á piscina para realizar actividades lúdicas utilizando o material da propia instalación. Cada neno/a deberá estar acompañado por un adulto (no caso de  irmáns, pode ser máis dun neno/a acompañados polo mesmo adulto). Así, dende o 23 de decembro de 2017 ao 7 de xaneiro de 2018 (de luns a venres e domingos), o Concello reservará tres rúas da piscina municipal para esta actividade, de 11:15 a 13:30 horas. Non é necesario realizar inscrición previa. Abonda con  asistir e participar (aboando só a entrada do adulto que custa 3,25€), aínda que os/as usuarios/as poden facer reserva da rúa antes de ir, co fin de garantir que haxa espazo libre.

Xa por último, a Concellería de Deportes está a organizar para o sábado 30 de decembro a tradicional Carreira Popular San Silvestre de Fene que se desenvolverá polas rúas do concello a partir das 16.30 horas. Terá un percorrido de 3.800 mts. Tamén haberá unha andaina de 2.600 mts. e diversas carreiras para os máis pequenos, atendendo ás seguintes categorías:

- Pitufos e prebenxamíns: 100 mts.
- Benxamíns: 500 mts.
- Alevín e infantil: 800 mts.
- Cadete e xuvenil: 2.600 mts.

O regulamento da proba e a información sobre as inscricións para esta nova edición da San Silvestre de Fene publicarase en próximas datas.

Máis información sobre a programación deportiva de Nadal do Concello de Fene:

No pavillón polideportivo da Xunqueira (San Valentín). Teléf. 981 492 804

No departamento de Deportes do Concello de Fene. Teléf: 607 615 962 / 981 340 366

ORGANIZA: Concello de Fene

COLABORAN: Club Artes Marciais Fene, Club Escola Ximnasia Artística Ferrolterra, Servicios Deportivos Galicia (Sedega), Asociación Xuvenil Fene Movemento, Club Atletismo Fene e Floristería Lotto.