II Torneo Solidario de Minikatas de Judo “Concello de Fene”
14-12-2017
O pavillón polideportivo da Xunqueira acolle este sábado, 16 de decembro, a partir das 11.00 horas, o XII Trofeo de Minikatas de Judo de Ferrolterra-II Torneo Solidario “Concello de Fene”, un evento que se presenta como a “festa do judo da bisbarra” e que marca o inicio da tempada deportiva de judo. O encontro, organizado polo Club Artes Marciais Fene, pola A.D. Judo Ferrolterra e pola Concellería de Deportes de Fene, reunirá o sábado en San Valentín a uns 300 judokas novos, dende pre-benxamíns a infantís, de dez concellos galegos.
Este II Torneo Solidario de Minikatas de Judo “Concello de Fene” incluirá unha área de ocio para os/as xóvenes judokas e distintas zonas delimitadas para o desenvolvemento do torneo. Ademais, atendendo ao seu carácter solidario, dende a organización anímase a que todo/as os/as participantes e/ou espectadores acudan a esta cita aportando alimentos non perecedoiros ou material escolar en bo estado (que serán entregados posteriormente a unha entidade solidaria).
No aspecto deportivo, este torneo de minikatas premiará a participación dos/as alumnos/as e a súa execución técnica do judo, máis que a propia competición.
Dende a organización convidouse a participar no encontro a todos os colexios de Ferrolterra onde o Club Artes Marciais Fene e a AD Judo Ferrolterra imparten judo, xunto con outros clubs convidados como Grupo Bazán, de Ferrol, Gimnasio Senra, de Lugo, Xogos da Amizade, de Culleredo, Gimnasio Fibra, de A Coruña, Judo Club Arteixo e Judo Club Bergantiños.
Organizan: Concello de Fene, AD Judo Ferrolterra e Club Artes Marciais Fene.
Colaboran: Anpa do colexio Madres Mercedarias, Centro de Osteopatía e Quiromasaxe José María, a empresa de servizos deportivos SEDEGA e Tatamibag