O Fondo Galego cofinancia tres proxectos de ONGD en Guinea-Bissau e Centroamérica
18-12-2017
A Asemblea Xeral da asociación de concellos e deputacións resolveu recentemente a convocatoria de subvencións, á que se presentaron 17 propostas de 16 entidades. A xuntanza contou tamén coa presenza dunha representante do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (Acnur), que presentou os resultados da axuda de emerxencia destinada a solicitantes de asilo na ruta dos Balcáns.
Karmele Sáez explicou como o Fondo Galego contribuíu a combater a vaga de frío siberiano que o pasado inverno afectou ás refuxiadas e refuxiados. “Todas as persoas refuxiadas coas que puiden falar queren volever ao seu país”, incidiu a responsable técnica do Departamento de Proxectos de Acnur ao tempo que amosaba varios testemuños reais, e tamén denunciou que “os estados europeos non están cumprindo os seus compromisos”.
Outra das accións de axuda de emerxencia financiadas no presente exercicio foi a adquisición de alimentos para a poboación refuxiada saharauí nos campamentos de Tinduf, á que o Fondo Galego dedicou 6.000 euros. Esta axuda humanitaria foi canalizada a través da asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) e da Media Lúa Vermella.
En canto ás accións subvencionadas ás ONGD galegas, apoiarase con 49.861 euros unha proposta de InteRed para implementar un programa de formación integral en sexualidade para profesorado, alumnado e familias vinculadas a catro escolas públicas do municipio guatemalteco de Chinautla. A iniciativa incluirá tanto educación sexual e sobre dereitos reprodutivos como coñecementos para a identificación de violencias, especialmente de xénero, e das canles que as e os docentes deben seguir para a súa denuncia. Traballarase asemade co Concello e con organizacións da sociedade civil para crear unha oficina municipal de mocidade que promova o liderado xuvenil para a defensa dos seus dereitos.
Doutra banda, Asemblea de Cooperación pola Paz obtivo 50.000 euros para mellorar o acceso á auga e reforzar as boas prácticas hixiénicas na localidade de Carantaba, en Guinea-Bissau, a fin de paliar os problemas de saúde que sofre a poboación. Para conseguilo, rehabilitarase un pozo no que se colocará unha bomba con paneis solares, amais de instalar catro fontes na vila e senllas tomas de auga na escola e na residencia do profesorado. Ao tempo, levarase a cabo unha campaña de concienciación sobre o uso da auga e prácticas de hixiene, así como a elaboración dun plan para o recurso hídrico no que participe a comunidade.
Ao mesmo eido corresponde o proxecto cofinanciado a Enxeñería sen Fronteiras con 36.742 euros, a través do cal se fortalecerá aos equipos técnicos dos sete concellos que forman parte da mancomunidade Nasmar, en Honduras. O obxectivo é que, ao remate, poidan levar a cabo proxectos de abastecemento de auga en comunidades rurais, integrando entre outros enfoques de participación cidadá. Formaranse en cálculo para o deseño de tubaxes, manexo de programas informáticos ou procesos de calidade para unha xestión pública transparente.
No transcurso da Asemblea celebrada o mércores -á que asistiu o edil do PSDG-PSOE Joaquín Ayala en representación de Fene- informouse tamén sobre os proxectos de cooperación para o desenvolvemento executados en 2017. En Mozambique púxose en marcha canda a Fundação Encontro unha intervención co deporte como ferramenta para previr doenzas e adiccións na mocidade. Tamén se está a traballar co municipio de Nhamayábue para garantir o acceso á auga abrindo catro pozos para que a poboación non teña que percorrer o río a causa da seca, evitando así os ataques dos crocodilos e hipopótamos, que xa provocaron varias mortes.
Polo demais, na xuntanza expúxose o informe de situación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e ratificáronse as altas e baixas do último ano, no que a entidade emprendeu un plan de captación de socios con motivo do seu vixésimo aniversario. Despediuse así ao Concello de Fornelos de Montes e déuselle oficialmente a benvida a Monfero, Alfoz, A Pastoriza, Miño e á Deputación de Pontevedra.
O Fondo Galego de Cooperación
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.