O Apalpador visita aos escolares de Fene

O Apalpador visita aos escolares de Fene

A Casa da Cultura de Fene acolle tamén esta semana os concertos de Nadal das Escolas Municipais de Guitarra e Piano

O Apalpador, o mítico carboeiro que -segundo a tradición- baixaba das montañas na víspera do Nadal para comprobar se os/as nenos/as comeran dabondo durante o ano e deixarlles unha presa de castañas, anda por Fene estes días. Esta mañá visitou os colexios A Xunqueira, Centieiras e Jorge Juan  e mañá achegarase ao CEI Sillobre e aos colexios Os Casais e O Ramo.

Nunha actividade organizada pola Concellería de Cultura de Fene, en “A historia do Apalpador”, o actor e contacontos Pedro Brandariz explica aos escolares de Fene como é o día a día do Apalpador. Cóntalles que vive no Courel e que, en vísperas do Nadal “apalpa” as barriguiñas dos pícariños/as, deixándolles unha presiña de castañas e algún retrinco de madeira. Ademais, fala da plácida vida que leva este singular personaxe no bosque e, sobre todo, anima ás cativas e cativos coas peticións dos agasallos, para que pidan libros en galego.

Neste percorrido que está a facer polos centros escolares de Fene, o Apalpador vai acompañado de Xía, a trasna do monte, que ensina aos/as pequenos/as a “Cantiga do Apalpador”.

No marco da programación cultural de Nadal que promove o Concello de Fene para estas datas, tamén se celebra neste luns, 18 de decembro, a partir das 17.00 horas, o concerto de Nadal do alumnado da Escola Municipal de Guitarra, e o mércores 20, á mesma hora, o da Escola Municipal de Piano. Ambos os dous festivais serán no salón de actos da Casa da Cultura de Fene.

Ligazóns