Finalizan en Fene as Tardes Activas para persoas maiores
21-12-2017
A edición de 2017 contou con 120 participantes
Desde o mes de setembro desenvolvéronse nas parroquias e no CPS de San Valentín varios obradoiros para traballar a cognición e a memoria, co obxectivo de manter en forma a mente e, ao mesmo tempo, compartir un espazo de convivencia con outras persoas. A edición de Tardes Activas que agora se pecha contou con 120 participantes.
A oferta municipal estivo estruturada en tres apartados co denominador común de exercitar o cerebro pero de distintas maneiras.
Así, os obradoiros de activación da memoria orientáronse aos exercicios que permiten mellorar a capacidade para recordar aquelas pequenas cousas que se esquecen coa idade e que se manifestan, por exemplo, non lembrando onde se deixan as chaves ou como era o nome de tal ou cual persoa. Estas actividades tiveron lugar no local social de Limodre e no Centro de Promoción Social de San Valentín, cunha duración total de 41 horas.
Por outra banda, nas sesións de recuperación de memoria -desenvolvida tamén no CPS- o obxectivo foi mellorar tamén cuestións como a linguaxe, a orientación e a atención coas miras postas en retrasar a aparición de demencias ou frear o seu progreso. A actividade, que durou 47 horas, finalizará este xoves ás 18.00h. no centro de promoción social.
Xunto con estes dous obradoiros que se ocuparon da exercitación mental con dinámicas concretas, o Concello tamén organizou as sesións "Recordando o noso", de 41 horas, onde as persoas participantes tamén traballaron as funcións cognitivas achegando vivencias e coñecementos.
Esta actividade tivo lugar nos locais sociais da ACRD Agarimo de Sillobre, do CMI Unidade de Fene, da ACDR Liga de Amigos de Barallobre, da ACRD O Pote e da Asociación veciñal San Xurxo de Magalofes, entidades que, xunto co colectivo veciñal de Limodre, colaboraron no desenvolvemento desta programación municipal dirixida ás persoas maiores.