Semana de maxia e contos na Casa da Cultura de Fene
26-12-2017
Con maxia de perto, xogos de cartas, cordas e panos, o mago Pedro Bugarín engailou aos pequenos/as -e non tan pequenos/as- que asistiron este martes á primeira función do ciclo de maxia e contos que organiza a Concellería de Cultura de Fene no Nadal. O espectáculo, titulado "Mundo máxico", reuniu no salón de actos da Casa da Cultura a máis de medio de cento de persoas.
A maxia deu paso aos contos o mércores 27 de decembro co espectáculo “Voute contar”, a cargo de Vicente Mohedano (Peripecious). En “Voute contar” é posible “que algún día descubras que, dun tempo para aquí, os humanos adquirimos a manía de contar. Contar, contar...non só de contar contos e historias, senón de medir e contar todo con números”. Actividade recomendada para público a partir dos 8 anos.
A programación cultural de Nadal do Concello de Fene continuou este xoves, 28 de decembro, cunha actuación de Andaravía Teatro na Casa da Cultura. Nesta actividade, titulada “Brincacontos”, sucedéronse acontecementos máxicos e misteriosos. “O descubrimento da receta do mexunxe marrón de Testarrota causará unha grande disputa entre dúas poderosas bruxas. Quen acadará a enerxía que transmite este misterioso mexunxe?. Por outro lado, algo lle está a acontecer á lúa e ao sol. Serán quen de resolvelo a miñoca inxenua, o vello grilo e a formiga obreira?.
Neste mesmo espazo, o venres 29 de decembro actuará o grupo Paso de Valverde Teatro con “Alén. Chuquiño viaxa polo mundo”, ás 12.00 horas. “Alén do mar e alén de todo o que coñecía, un día Chuquiño marcha á procura do seu tío Randulfo a África, pero a viaxe vai resultar un pouco máis complicada do que pensaba e remata coñecendo o mundo enteiro nunha travesía colorida a través do Xapón, India, América... Conseguirá atopar o noso protagonista ao seu tío, o explorador?”. “Alén. Chuquiño viaxa polo mundo” é unha historia de teatro de sombras chinesas para toda a familia. Actividade recomendada para público de 3 a 12 anos.