Fene vai de entroido!

Fene vai de entroido!

O entroido no concello de Fene é un dos de máis sona en toda a volta pola numerosa participación veciñal e pola animación que adoita ter, especialmente no Mércores de Cinza. Nese día -que este ano cadra 14 de febreiro- as máscaras e comparsas percorrerán as principais rúas ata chegaren á Praza do Alcalde Ramón Souto González, onde se lle dará cumprida despedida ao entroido con troula, música e a tradicional queima do Antón.

O departamento de cultura acaba de publicar as bases que rexerán o funcionamento do desfile e a asignación de subvencións para incentivar a participación de comparsas, que este ano ascende a 6.500 euros. O prazo de inscrición finaliza o venres 2 de febreiro ás 14.00h.

As bases establecen que 2.000 euros se destinen ás agrupacións adultas de Fene, distribuidos a partes iguais e cun máximo de 500 euros por comparsa. Outros  500 euros tamén a partes iguais están reservados para as comparsas infantís. Por último repartiranse 4.000 euros a partes iguais entre todas as comparsas de persoas adultas, incluídas as de Fene. Se non se cubrisen as contías totais das dúas primeiras partidas, o remanente xerado repartiríase a partes iguais entre todas as comparsas adultas inscritas.

Segundo as bases publicadas -dispoñibles aquí xunto cos impresos de solicitude-, as comparsas deberán ter en todos os casos un número superior ás 15 persoas. Entenderase por comparsa adulta a formada por persoas maiores de 16 anos. Para ter a consideración de “comparsa de Fene” alomenos o 50% dos compoñentes deberán ser veciños ou veciñas do municipio. No caso das comparsas infantís non hai esa precisión e só se lles esixe que estean formadas por alomenos 15 compoñentes menores de 16 anos máis as persoas adultas que vaian de acompañantes.

Tanto as comparsas pertencentes a entidades socioculturais como as formadas como grupo ocasional deberán inscribirse previamente presentando no rexistro municipal o correspondente formulario de solicitude e toda a documentación complementaria esixida nas bases. O prazo para se apuntar finaliza ás 14.00h. do venres 2 de febreiro.

Nas bases tamén se definen outros aspectos como as ordes de participación, os criterios para poder actuar no palco ou a composición da comisión avaliadora que comprobará o seu cumprimento.

Alén do desfile do Mércores de Cinza, o Concello ten practicamente pechada a programación de actividades paralelas, que prevé obradoiros de disfraces e de cociña entroideira para os días 12 e 13, un evento infantil con música e degustación de lambetadas para a tarde do Martes de Entroido e tamén un peche de festa a partir das 21.00h. cunha grande orquestra que actuará ata a ben entrada a madrugada do día 14.

Descargas