Fene vai de entroido!
29-01-2018
Cun obradoiro de cociña entroideira para nenos e nenas comezará o luns 12 de febreiro o ciclo de actividades “Entroido 2018” que organiza a Concellería de Cultura de Fene. O programa inclúe dous obradoiros, unha festa infantil e o tradicional desfile e festival de comparsas que concluirá coa queima do Antón e o espectáculo pirotécnico. Como novidade, este ano a verbena que adoitaba celebrarse o mércores de cinza, pasará ao martes de entroido para garantir unha maior afluencia de xente xa que o mércores 14 de febreiro é festivo local no Concello de Fene.
As actividades do Entroido 2018 no Concello de Fene arrincarán o luns 12 de febreiro cun obradoiro infantil de “Cociña Entroideira” que comezará ás 17.00 horas nas instalacións do CCRD de Perlío. No mesmo local, o martes 13 de febreiro, desenvolverase un taller de disfraces de entroido, de 11.30 a 13.30 horas. Ámbalas dúas actividades van dirixidas
a nenos e nenas que cursen estudos de educación primaria (6-12 anos). Prazas limitadas. Inscricións até o 8 de febreiro no Departamento de Cultura do Concello de Fene.
Tamén o martes día 13, a partir das 17.30 horas, haberá unha festa infantil na Praza do alcalde Ramón Souto González (baixo carpa), a cargo de Fiestoke e con degustación de lambetadas de Entroido. A continuación, a partir das 21.00, comezará a Festa-baile do martes de entroido coa Orquestra New York.
E xa para pechar a programación do Carnaval no Concello de Fene, o mércores 14 de febreiro terá lugar o desfile e posterior festival de comparsas. As agrupacións participantes sairán ás 18.00 horas de Perlío (Aguilar), percorrendo a Avda. Marques de Figueroa, Avda. Naturais e Avda. Do Concello. O desfile finalizará na Praza do alcalde Ramón Souto González onde terá lugar, coa viúva de sempre, a actuación das comparsas, a lectura do testamento e a posterior queima do Antón co espectáculo pirotécnico.
En caso de chuvia, suspenderase o percorrido das comparsas que actuarán directamente na Praza do alcalde Ramón Souto González. A suspensión do desfile anunciarase na páxina web fene.gal a partir das 14:00 h do mércores 14 de febreiro.