Eternamente expostas tras un vidro
06-03-2018
"O Escaparate" é unha peza que aborda o tema da procura da persoa e a súa posición na sociedade. A representación será o mércores 7 de marzo ás 19.00 hna Casa da Cultura de Fene con entrada de balde até completar aforo.
A ruptura de estereotipos sociais convértese na idea central a cal se teñen que enfrontar as dúas protagonistas. Creadas polo ser humano, son o ideal social da muller e representan a perfección do que “debe ser”.
O traballo realizouse dende o punto de vista analítico, que pon en conflito o ideal social da persoa coa verdadeira natureza da mesma. Desta forma, invítase ao público a reflexionar e revisar os prototipos sociais que non sempre teñen que ser acertados.
O desexo de liberdade e o medo a ela, é o maior conflito que sofren as personaxes atrapadas tras un vidro. Vendo pasar o mundo diante dos seus ollos, poden observar que hai mulleres con corpos non “perfectos” que camiñan pola rúa despeiteadas e sen “estilo”.
Nun mundo inanimado desenvólvese a historia das protagonistas, dous maniquíes que viven limitadas aos desexos dos seus creadores. Non teñen nome nin identidade, simplemente creáronse para ser expostas, vestindo as súas mellores galas, ante os ollos dos viandantes.
Teñen claro cal é a súa misión na vida e, ante todo, cal é o seu destino: o cubo do lixo. Limitadas pola plataforma na que están expostas, miran os días pasar quedas, orgullosas da súa fin na sociedade e conscientes das vantaxes estéticas que teñen respecto ás mortais; séntense superiores, pero á vez saben que, tras do vidro que as separa da civilización, hai un mundo novo, distinto e atractivo ao que elas non poden acceder.
Un día, unha das maniquíes estoupa e deixa fluir a súa inquedanza que a tiña martirizada: "Quero ser unha muller de verdade".
Con esta confesión, ábrese a brecha que cambiará o destino de ámbalas dúas, temerosas de transgredir as normas e saír da súa zona de confort, para poder alcanzar esa liberdade da que foron privadas por soamente existir.
Compañía: Salidas de Emergencia
Texto: Marta Mato
Dirección e Reparto: Marta Mato, Iria Mourón
Fotografía: José Manuel Teijeiro
Máis Información sobre a obra: www.facebook/salidasdemergencia/