8 de Marzo, Día Internacional da Muller
08-03-2018
Manifesto Institucional
Queremos centrar o manifesto deste 8 de marzo no apoio á Folga Feminista convocada.
A folga feminista do 8 de marzo pretende ser unha chamada de atención, dende o ámbito local máis próximo ao internacional, sobre a desigualdade e invisibilidade que historicamente sofren as mulleres, co obxectivo de esixir a mellora das súas condicións sociais e laborais para combater as discriminacións laborais agravadas polas medidas aplicadas baixo a coartada da crise económica.
A fenda salarial en Galiza é do 23%, pois mentres o salario medio anual dos homes estímase en 20.243 euros o das mulleres só chega aos 15.730 euros, ao que hai que engadir que os contratos a tempo parcial, temporal e descontinuo son maioritariamente femininos, o que repercute na baixa cotización, soldo, prestación do paro e das pensións. En Fene hai 468 mulleres rexistradas no paro e 406 homes, segundo os últimos datos da Xunta, o que representa unha porcentaxe maior de desemprego por razón de sexo. Máis aínda, no laboral as mulleres galegas sofren a inexistencia dun marco de relacións laborais galego que axude a negociar melloras para os traballos feminizados do noso país, como a conserva, ademais de sufrir as consecuencias das reformas laborais do goberno central, lesivas para a clase obreira, e a desatención de Xunta e Estado ao fomento de políticas activas contra a discriminación laboral sobre as mulleres. Por outra banda, ao tempo que cobran menos de media e sofren máis precariedade, no ámbito do consumo foméntase que as mulleres teñan que adquirir produtos máis caros que aplican a denominada “taxa rosa” cando están dirixidos ao mercado feminino, ademais de gravar os produtos básicos de hixiene cun 21% de IVE.
Por causa do sistema patriarcal e da realidade socioeconómica, as mulleres sofren máis atrancos na conciliación da vida familiar e laboral, para o que se fai necesario mudar ideas, comportamentos e mesmo leis para poder garantir a igualdade de dereitos e de oportunidades. Tampouco se recoñecen as tarefas domésticas e de coidado familiar, por iso esta convocatoria tamén pretende chamar a atención sobre os coidados e as tarefas. Durante a crise, esta situación agravouse e o deterioro dos servizos públicos agrava unha desigualdade que, superado o ciclo económico da recesión, busca consolidarse. Desta forma, os datos demostran que son maioritariamente as mulleres as que optan por xornadas parciais ou excedencias para coidar crianzas e maiores, moi por riba da poboación masculina. No caso das excedencias, por exemplo, no 2017 foron solicitadas por mulleres 1.078 fronte a 132 pedidas por parte de homes.
Non pode haber unha sociedade verdadeiramente democrática si non somos capaces de eliminar os comportamentos e actitudes machistas que atentan contra máis da metade da poboación. O machismo, froito do patriarcado máis rancio e máis prexudicial para as mulleres esténdese en todos os ámbitos, desde o familiar, social e laboral ata a máis cruel das manifestacións como é a violencia de xénero que se exerce cara ás mulleres.
A convocatoria do 8 de marzo aspira a ser transversal para mudar, dende o cotiá, o sistema articulado baixo as ordes do patriarcado, do capitalismo, do racismo, da emigración e da depredación ambiental. Por estes motivos, esta folga pretende incidir no ámbito laboral, de coidados, estudantil e de consumo.
Por iso, o Pleno do Concello de Fene, adopta o seguinte
ACORDO
1. O Concello apoiará a convocatoria desta folga de mulleres prevista para o 8 de marzo de 2018 no marco dunha xornada internacional de paros e mobilizacións para reivindicar a igualdade de oportunidades nas condicións de traballo, na esfera social e no dereito a vivir sen violencias.
2. O Concello realizará un chamado a participar nas mobilizacións convocadas polo movemento feminista galego e a secundar a manifestación nacional unitaria.
3. O concello adquire o compromiso de articular os mecanismos necesarios para que nun prazo de 6 meses a partir da data de hoxe se teña realizado un estudo/informe sobre a situación laboral e salarial dos traballadores e as traballadoras do Concello, no que se recollan ademais as medidas adoptadas en materia de igualdade laboral ou as que se teñan que establecer no seu caso, ao obxecto de erradicar as posibles discriminacións nesta materia.
4. O concello se compromete a organizar e desenvolver as accións precisas para que nun prazo de 3 meses se presente diante do pleno unha memoria do estado de implementación do 3º Plan de Igualdade en vigor ata este momento.
5. O Pleno do Concello solicita aos Grupos Parlamentarios representados no Congreso dos Deputados a presentación e aprobación dunha Lei de Igualdade Laboral, así como dar traslado deste acordo aos Grupos Parlamentarios no Congreso dos Deputados.
Fene, 25 de febreiro de 2018.