Cinensino trae aos centros escolares de Fene "Hermanos del viento" e "El profesor de violín"
22-03-2018
O programa Cinensino combina a proxección de películas nas aulas co debate e o traballo arredor do seu contido como fórmula de aprendizaxe de conceptos que, se cadra, son difíciles de explicar doutro xeito. Varios centros escolares de Fene participan desta iniciativa compartida con Neda e Mugardos durante o curso 2017/2018. Este martes houbo unha proxección no IES de Fene e nos próximos días tamén haberá pases na Jorge Juan, no CPI A Xunqueira e no CEIP Centieiras. Os filmes elixidos este ano son "Hermanos del viento" e "El profesor de violín".
Os colexios de Fene participan en Cinensino xunto con centros de primaria e secundaria de Neda e Mugardos. En total son 13 colexios, 624 alumnos e alumnas e 36 mestres e mestras implicadas neste programa de educación en valores pensado para apoiar con medios audiovisuais a prevención do consumo de alcol e outros trastornos adictivos e comportamentais no eido escolar.
Cinensino consta dun curso de formación para o profesorado en internet, a proxección de varias películas en formato 35 mm ou DVD, tres módulos principais ou unidades didácticas para traballar co alumnado nas aulas ao longo do curso escolar e o desenvolvemento de actividades complementarias nas redes sociais.
A primeira proxección do programa tivo lugar este martes no IES de Fene. As seguintes serán no Colexio Jorge Juan este xoves 22 de marzo, no CPI A Xunqueira o venres e, xa á volta das vacacións -o 5 de abril- tocaralle a vez ao CEIP Centieiras.
Os módulos sobre os que se traballará nesta edición de Cinensino son o do respecto pola natureza e o da resiliencia, a capacidade para arrepoñerse á adversidade de forma positiva. Sobre o primeiro concepto trata "Hermanos del viento", filme austríaco dirixido por Gerardo Olivares e Otmar Penker onde o neno protagonista establece unha estreita relación cunha aguia, como contrapunto da súa propia situación familiar.
A outra cuestión, a da resiliencia, abordarase a través de "El profesor de violín". O drama dirixido por Sérgio Machado conta a historia real do mestre brasileiro Silvio Bacarelli, que nos anos 90 conseguiu por medio da música estimular a inclusión social e cultural da mocidade nunha das favelas máis grandes de Sao Paulo.