Actuación de Trinketrinke para conmemorar o Día do Libro na Biblioteca Municipal de Fene
18-04-2018
Cun contacontos teatral titulado “Avós”, o Concello de Fene conmemora este venres, 20 de abril, o Día do Libro. A función, prevista para as 18 horas, terá lugar na biblioteca municipal Xosemaría Pérez Parallé e correrá a cargo da popular compañía Trinketrinke.
"Avós" é unha actividade de dinamización á lectura cuxos obxectivos son promover a lectura, espertar o gusto pola literatura, estimular a sensibilidade, a imaxinación, a creatividade e o espírito crítico dos nenos e nenas a través da narración dos contos e, singularmente, dos distintos xeitos de contalos.
Nesta nova aventura dos ratos de Lonxedetodo, o ciclo da vida e o respeto aos anciáns , son os dous temas sobre os que xira o espectáculo no que a ratiña Lilí Gruyére conta como hai moitos, moitos anos, cando ela era pequena e a súa avóa aínda vivía, axudou a súa avóa a plantar unha maceira. Hoxe, cada vez que come unha mazá, lembra a súa avóa, conta contos que ela lle contou e pon a música que a ela lle gustaba.
A actividade está dirixida a nenos/as de 3 a 8 anos e a entrada será libre ata completar o aforo.