Arredor de 600 nenos tomarán parte nas Xornadas de Xogos Populares Escolares
Organizadas polo Concello, terán lugar este mércores e xoves en Fene
24-04-2018
O Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes, organiza un ano máis as Xornadas de Xogos Populares Escolares. Celebraranse este mércores 25 de abril e o xoves 26 e nelas tomarán parte arredor de 600 escolares do municipio.
Un e outro día arrancarán ás 10 horas e prolongaranse por espazo de 3 horas, ata as 13 h, tendo por escenario o exterior do pavillón polideportivo A Xunqueira no tocante ós xogos, e a zona posterior do CPI A Xunqueira servirá de pista para as carreiras de campo a través. Iso si, en caso de mal tempo as actividades trasladaranse ó interior do pavillón e suspenderanse as carreiras, ampliándose o tempo adicado ás estacións de xogo.
Mañá mércores participarán nas xornadas o alumnado do Colexio Jorge Juan e do CPI A Xunqueira, namentras que o xoves será o turno do estudantado do CEIP Centieiras, CEIP O Ramo e CEIP Os Casais.
Así mesmo, as actividades e metodoloxía a empregar permitirán que o alumnado estea nalgunha das estacións lúdicas en todo momento, agás no descanso para a merenda e, entre as propostas, non faltarán xogos como a chave, a rá, as carreiras de sacos, cos pés atados ós do compañeiro, os zancos, pesca de botellas, a comba, o brilé, o tiro de corda ou as carreiras de campo a través.
Por último, sinalar a colaboración da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, que se fará cargo de parte do transporte do alumnado e profesorado responsable dende os respectivos centros de ensino ata o lugar de realización das xornadas.