A pintora local Beatriz Seijo inaugura a súa “Retrospectiva” este venres en Fene

A pintora local Beatriz Seijo inaugura a súa “Retrospectiva” este venres en Fene

O acto terá lugar no salón de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor ás 20 horas, con entrada libre.

Tras varios anos sen expoñer no seu Fene natal, a pintora Beatriz Seijo inaugura este venres ás 20 horas a mostra “Retrospectiva”. Un acto no que estará acompañada polo alcalde, Gumersindo Galego, e a concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, e ó que está convidada toda a veciñanza.


A mostra é unha retrospectiva dos últimos dez anos de traballo da artista plástica, cunha selección de obras de tres das súas coleccións: “Gotas de Aire”, “Detalle sen Detalle” e “En que pensas?”, e na que tamén se incluirán obras actuais. Unha mostra coa que conmemorar, precisamente, os dez anos transcorridos da última exposición realizada por Beatriz Seijo en Fene.


Nacida no municipio en 1984, Beatriz Seijo foi unha artista precoz, xa que se iniciaba no mundo da pintura con tan só 6 anos; foi alumna do mestre González Collado, xenial artista que a introduciu no mundo da acuarela, e é licenciada en
Belas Artes pola Universidade de Salamanca (2007-2012) e Técnico Superior de Artes Plásticas e Deseño en Ilustración pola Escola de Arte “Pablo Picasso” da Coruña. (2004-2006). Ó longo da súa intensa traxectoria, e pese a súa mocidade, ten participado xa en 29 exposicións a título individual ou colectivo, e recoñecido o seu talento en preto de 60 certames.

Tras a inauguración, “Retrospectiva” poderá visitarse na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene ata o 31 de maio, de luns a venres de 10 a 13 h e de 16 a 21 h, e os sábados de 10 a 13 h.