Inaugurada en Fene a exposición “20 Anos a Fondo coa Solidariedade”
10-05-2018
A mostra repasa as dúas primeiras décadas de actividade da entidade e poderá visitarse no CPI A Xunqueira ata o vindeiro 31 de maio
O alcalde de Fene, Gumersindo Galego; a directora do CPI A Xunqueira, Isabel Hermida, e a concelleira de Servizos Sociais, Juana Barro, inauguraron esta mañá no centro educativo a exposición “20 Anos a Fondo coa Solidariedade”. Unha mostra que poderá visitarse ata o 31 de maio.
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que Fene é socio, cumpría en 2017 vinte anos de andaina e conmemórao con esta exposición, que pretende dar a coñecer a contribución das deputacións e concellos socios á construción dun mundo máis xusto ao tempo que se fomenta unha opinión pública favorable á cooperación internacional.
A exposición ‘20 Anos a Fondo coa Solidariedade’ estrutúrase en cinco grandes cubos de catro caras e o ilustrador Pepe Carreiro encargouse do seu deseño, cun
formato moi visual, mentres que os contidos foron ideados pola Secretaría Técnica do Fondo Galego. No primeiro cubo, ofrécese unha explicación do que é o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, as súas orixes e a responsabilidade das administracións locais perante un mundo desigual, así como a pertinencia de loitar xuntas sumándose a esta rede. O segundo, céntrase nos proxectos de cooperación para o desenvolvemento apoiados ó longo destas dúas décadas, tanto de xeito directo como financiando a ONGD galegas, así como a axuda ofrecida ante situacións de emerxencia.
No terceiro cubo, repásanse as actividades de sensibilización máis destacadas que se teñen realizado para concienciar á cidadanía galega fronte as desigualdades globais, así coma o programa de voluntariado internacional Vacacións con Traballo ou as accións comunicativas. O cuarto cubo adéntrase na estrutura do Fondo Galego, coa Rede Municipalista Solidaria como motor organizativo, o papel garantista do IGADI na Secretaría e avais coma o feito de actuar como referente no proxecto europeo Redes para o Desenvolvemento. E, o quinto cubo, amosa o mapa das deputacións e concellos socios e evidénciase o doado que é para estas entidades participar da solidariedade internacional, ao tempo que se ofrecen datos sobre o moito que queda por facer.