Homenaxe en Fene a María Victoria Moreno da man do colectivo literario Moraima
11-05-2018
A Casa da Cultura será escenario do acto este luns, 14 de maio, ás 19 h
Fene rendirá homenaxe este luns, 14 de maio, á escritora María Victoria Moreno, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas. E farao da man do colectivo literario fenés Moraima e dun innovador espectáculo multimedia no que se combinan proxeccións audiovisuais e recitado e lecturas dramatizadas de textos de Moreno. Un xeito diferente de achegar ó público a vida e obra da escritora.
A proposta, que promove a Concellería de Cultura, desenvolverase na Casa da Cultura a partir das 19 horas, con entrada libre ata completar aforo e está recomendada para persoas maiores de 12 anos e público familiar.
O colectivo Moraima nace o 23 de novembro de 2017, na Casa da Cultura, tras a finalización do obradoiro “A Grafía da Emoción”, organizada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega coa colaboración do Concello e da Deputación e impartido polo escritor e poeta Pablo Bouza Suárez. Entre os seus fins está a promoción das creación literarias en lingua galega e a difusión da lingua, cultura, historia e tradicións propias de maneira solidaria por toda a bisbarra de Ferrolterra.