Aberto ata o 31 de maio o prazo de presentación de obras ó XXII Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do humor”
14-05-2018
O certame, que busca recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento, repartirá 5.000 euros en premios
O Concello de Fene lembra que o prazo de presentación de traballos ó XXII concurso de humor gráfico “Curuxa do humor” pecharase o vindeiro 31 de maio ás 23,59 horas e anima á participación no certame, co que Fene busca recoñecer o traballo dos mellores humoristas gráficos do momento (tanto galegos coma de calquera recuncho de España), amais de procurar unha maior proxección pública do Museo do Humor de Fene, un dos poucos do seu xénero que existen no noso país e no mundo enteiro.
Organizado pola Concellería de Cultura e o Museo do Humor de Fene, nesta vixésimo segunda edición do certame, o/a gañador/a da Curuxa Gráfica (categoría para maiores de 25 anos) recibirá 2000 € e diploma e o gañador/a do segundo premio, 1500 € e diploma.
Para a “Curuxa Nova” (categoría para menores de 25 anos) anúnciase un primeiro premio, dotado con 1.000 € e diploma, e un segundo premio, dotado con 500 € e diploma.
Os debuxantes interesados en presentarse a esta nova edición dos Curuxas, poden enviar os seus debuxos ó Rexistro Xeral do Concello de Fene (Praza do alcalde Ramón Souto González, s/n, 15500 Fene, A Coruña). As obras, de temática libre, deben ser de creación propia e inéditas: humor gráfico nas súas modalidades de texto ilustrado, viñeta, cómic (máximo 1 páxina) e/ou caricatura.
Tanto a ficha de inscrición como o modelo de declaración responsable pódense descargar na web do concello de Fene (www.fene.gal) ou no microsite do Museo do Humor (http://museodohumor.fene.gal)
O fallo do Xurado do XXII Concurso “Curuxa do Humor” darase a coñecer no prazo de dous meses trala data límite de presentación dos traballos e darase a coñecer a través da páxina web www.fene.gal e dos diferentes medios de comunicación. Formarán parte do Xurado o alcalde de Fene, a concelleira de Cultura, a coordenadora do Museo do Humor e tres humoristas gráficos ou expertos en humor gráfico nomeados polo Concello de Fene.
Máis información (bases completas) aquí