O Concello promove nos coles obradoiros de prevención de adiccións e bo uso das TICs
16-05-2018
Levaranse a cabo no IES Fene, Colexio Jorge Juan e CPI A Xunqueira e, o día 31, terá lugar unha sesión para familias no Centro Municipal de Servizos Sociais
O Concello de Fene, a través da Concellería de Benestar Social, promove diferentes obradoiros nos coles en materia de prevención de adiccións e bo uso da TICs. Entre os contidos a abordar, están a identificación de ameazas e riscos; o acoso nas redes; a adicción ás TICs; a violencia de xénero a través destas ou o seu uso saudable e recursos disponibles. Dirixidos a estudantes de Educación Secundaria, buscan tratar de formar e informar no uso responsable das redes.
Así, as sesións arrancaban esta semana no IES Fene, onde se repetirán o vindeiro martes 22; no Colexio Jorge Juan, o xoves 24 e 31 de maio e, no CPI A Xunqueira, o martes 5 de xuño. De forma complementaria, está programada unha sesión para familias baixo o título “Desenrédate! Prevención nas redes sociais”, que terá lugar o 31 de maio de 18 a 19,30 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais.
O uso das TIC (Tecnoloxías da información e a comunicación) e Internet é, na actualidade, un instrumento clave na vida diaria das persoas, das súas relacións sociais, familiares, laborais, educativas, etc. Teñen revolucionado o estilo de vida
das persoas adultas pero, sobre todo, da xuventude. Utilizadas adecuadamente representan unha ferramenta extraordinaria para o desenvolvemento e a comunicación, pero tamén implican riscos que é necesario coñecer e saber previr.
Nun e noutro caso, os obradoiros inclúense no programa Saúde na Escola, de prevención de condutas aditivas que o Concello de Fene leva a cabo xunto a Mugardos e Neda coa subvención da Consellería de Sanidade.