O Concello inicia as obras de recuperación das pistas de atletismo de Barallobre, en desuso dende a década dos 80
18-05-2018
O concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, informou esta mañá do inicio dos traballos para a recuperación das vellas pistas de atletismo de Barallobre, ubicadas nas inmediacións do IES de Fene. A intervención arrancaba esta mesma semana, cun investimento duns 6.000 euros. Habilitarase unha pista de 200 metros con seis rúas, así como diferentes espazos para a práctica das diferentes disciplinas de atletismo, dende salto de altura ata salto de lonxitude.
Nesta liña, Bastida explica que as instalacións levan en desuso dende hai uns trinta anos, despois de que se construísen a principios da década dos 80 e mantivesen a actividade uns anos. A intención do concelleiro é satisfacer a demanda crecente deste deporte no municipio, da que dá boa conta a creación do Club Atletismo de Fene hai dous anos. Así mesmo, o Concello quere con esta intervención de recuperación das pistas fomentar o deporte entre os máis cativos, especialmente entre o estudantado do municipio.
Os traballos tamén inclúen a instalación dun portalón de acceso e un peche perimetral, así como dunha bionda na pista que delimita as instalacións pola zona de acceso. Prevese que os traballos conclúan este mesmo mes.