Máis de 350 nenos e nenas tomarán parte este domingo na XXV Milla Escolar de Fene
25-05-2018
O edil de Deportes, Xoán Manuel Bastida, avanza que a participación aínda podería medrar máis, xa que tamén se recollerán inscricións individuais a pé de pista o mesmo domingo, de 9,30 a 10,30
Pistas de atletismo do Concello de Fene, emprazadas en Barallobre
Máis de 350 nenos e nenas dos centros educativos de Fene tomarán parte este domingo, 27 de maio, na XXV Millar Escolar-Concello de Fene. O concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, explica que a cifra aínda podería medrar máis, xa que tamén se recollerán inscricións individuais a pé de pista o mesmo domingo, de 9,30 a 10,30 horas.
As carreiras da Milla Escolar celebraranse este ano nas recuperadas pistas de atletismo do Concello de Fene, emprazadas en Barallobre, xunto ó IES de Fene, e arrancarán ás 11 horas cunha duración estimada de hora e media. Iniciaranse polas categorías superiores (cadetes) e rematarán coa de prebiberón 1.
Deste xeito, os participantes das categorías dos cursos de Educación Infantil (“Prebiberón 1”, “Prebiberón 2” e “Biberón”) non sairán nas carreiras todos xuntos, senón por quendas de 10 participantes aproximadamente, para evitar aglomeracións na saída que poidan provocar caídas. Por este motivo non se realizará a medición dos primeiros clasificados nestas categorías.
Ao remate de cada proba terá lugar a entrega de medallas a tódolos participantes e unha vez que finalicen todas as carreiras entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría, agás ás categorías de Prebiberón 1, Prebiberón 2 e Biberón –ó non haber medición-