O Concello convida ás familias a un obradoiro sobre prevención de adiccións e bo uso das TICs no marco do programa “Desenrédate”
29-05-2018
Impartido por Octavio Susacasa, mestre e licenciado en psicopedagoxía, terá lugar este xoves no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene
O Concello de Fene, a través da Concellería de Benestar Social, organiza un obradoiro sobre prevención de adiccións e bo uso da TICs dirixido ás familias. A participación é libre e gratuíta e celebrarase este xoves, 31 de maio, no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene. Dará comezo ás 18 horas e estará impartido por Octavio Susacasa, mestre e licenciado en psicopedagoxía.
Os obxectivos a tratar con este tema son proporcionar pautas educativas de uso saudable e responsable das TICs, así como informar e formar sobre as vantaxes e riscos reducindo a brecha dixital entre menores e proxenitores fomentando unha maior prevención e seguridade dos menores en Internet e protección fronte á violencia.
Neste obradoiro se trata a diferencia entre uso abuso e adicción; os indicios do uso problemático e os síntomas; que habilidades sociais son necesarias na familia e a protección dende a familia: comunicación, normas e límites etc, ou cales son as ameazas e riscos nas redes e as pautas de uso axeitado. Así mesmo, complementa ós obradoiros que se están a realizar sobre esta temática nos centros educativos.
O obradoiro inclúese no proxecto “Desenrédate”, do programa Saúde na Escola, de prevención de condutas aditivas que o Concello de Fene leva a cabo xunto a Mugardos e Neda coa subvención da Consellería de Sanidade