Aberta a preinscrición en Fene para participar nos Campamentos Deportivos de Verán da Deputación
30-05-2018
O Concello contará con cinco prazas no programa na quenda do 1 ó 6 de xullo
As solicitudes deben presentarse no departamento municipal de Deportes antes do vindeiro 15 de xuño.
O Concello informou esta mañá de que Fene contará con cinco prazas no programa Campamentos Deportivos 2018 da Deputación provincial da Coruña. Un programa dirixido a rapaces e rapazas de entre 9 e 14 anos, cumpridos neste ano, que se desenvolverá nas instalacións do Colexio Calvo Sotelo da Coruña. Así, as estancias para as prazas concedidas a Fene terán lugar na primeira quenda, do 1 ó 6 de xullo, e as persoas interesadas en optar a unha delas deben formalizar a preinscrición no departamento municipal de Deportes –Avenida Naturais, nº 44, entrechán, Fene- antes do 15 de xuño. Así mesmo, xunto coa preinscrición, deberá achegarse un volante de empadronamento no Concello de Fene con data anterior ó 25 de maio.
No caso de que a demanda supere a oferta realizarase un sorteo público no salón de plenos da Casa do Concello para proceder á adxudicación.
Sinalar que a Deputación asumirá a maior parte dos gastos, estancia, manutención, transporte interno para realizar as actividades programadas, así como todo o gasto que ocasionen as actividades programadas. Porén o transporte tanto de ida como de volta dende Fene ata o lugar de realización do campamento non está incluído, polo que irá por conta dos participantes. Cada un terá que pagar unha cota de inscrición de 85 euros, que se ingresarán unha vez que o interesado obteña praza.
Campaña Vela 2018
Por outra banda indicar, que o día 1 de xuño comeza o prazo de inscrición na Campaña de Vela 2018, dirixida a rapaces/zas de 9 a 18 anos, ambas idades incluídas, pertencentes ós ámbitos comarcais dos concellos sedes. Tendo prioridade os/as nenos/as empadroados/as nos concellos onde se fai a campaña de vela. (PORTO DO SON, CARNOTA, LAXE, OLEIROS, ARES E VALDOVIÑO)