Últimas prazas libres nos bautismos de mergullo para nenos, adultos e persoas con diversidade funcional organizados polo Concello de Fene

Últimas prazas libres nos bautismos de mergullo para nenos, adultos e persoas con diversidade funcional organizados polo Concello de Fene

A Concellería de Deportes apunta que quedan seis prazas libres no grupo de adultos, unha no de menores e outra nos bautismos de mergullo adaptado

A Concellería de Deportes de Fene informou esta mañá de que aínda queda algunha praza libre no programa de bautismos de mergullo que celebrará ó longo do mes de xuño. Así, no grupo de adultos hai seis prazas libres; unha no de menores e outra no de bautismos de mergullo adaptado. As persoas interesadas en tomar parte no programa poden inscribirse no pavillón polideportivo da Xunqueira, en San Valentín (de luns a venres de 9 a 13,30 h e os mércores de 16,30 a 19 h). O programa, que impulsa o Concello, conta coa colaboración do Clube de Actividades Subacuáticas Nautilus.


No caso dos bautismos de mergullo adaptado, este ano ampliáronse as prazas das 6 ás 8. Terán a piscina municipal de Centieiras como escenario e levaranse a cabo os sábados 9 e 16 de xuño de 17 a 19 horas. Nestas xornadas poden participar persoas con calquer tipo de discapacidade, xa que se realizan adaptacións no material, técnicas e de loxística para poder practicar o mergullo coa máxima seguridade. Así mesmo, son impartidas por mergulladores certificados e con adestramento específico para mergullarse con persoas con diversidade funcional.


Entre as actividades propostas, aprenderase a utilización do equipo lixeiro, a forma de respiración axeitada, respiración, normas básicas de seguridade, sinais submariñas ou xogos adaptados. O prazo para anotarse conclúe o 6 de xuño e a cota a pagar é de 6,25 euros.


No tocante ós bautismos de mergullo infantil, están dirixidos a nenos e nenas de 10 a 16 anos e son gratuítos. Hai 12 prazas e desenvolveranse na piscina municipal o 23 de xuño de 17 a 18 h. Os requisitos para poder participar Saber nadar e contar con permiso paterno. O prazo de inscrición pecharase o 20 de xuño.

E, sobre os bautismos de mergullo para persoas adultas (a partir de 16 anos incluídos), ofértanse 12 prazas para o sábado 23 e o domingo 24 de xuño. Na primeira xornada, na piscina municipal de Centieiras de 18 a 20 h, e o domingo, na praia de Chanteiro de 10 a 13 horas, en dous grupos de hora e media. Neste último caso, a actividade celebrarase sempre e cando as condicións do mar o permitan e en caso contrario cambiarase a data. Das prazas ofertadas nesta xornada, tres reservaranse para persoas que tomaran parte nos bautismos de mergullo adaptado. A cota a abonar é de 6,25 euros e o prazo de inscrición tamén remata o 20 de xuño.

Por último, sinalar que os mozos e mozas de 16 anos poden optar á modalidade infantil e tamén á dirixida a adultos sempre e cando conten con permiso paterno.
En todos os casos, a organización proporcionará todo o material deportivo necesario, incluídos os traxes de neopreno para o mar.