Fene inaugura este sábado a exposición fotográfica colectiva “Tempo”

Fene inaugura este sábado a exposición fotográfica colectiva “Tempo”

O alcalde, Gumersindo Galego, presidirá o acto, ás 12 h, na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor, con entrada libre

Carmen Carballada, María Fernández, María Seage, Malena Carballo, Martina Barcia, Irene Expósito, Suso Piñeiro, Javier Fariñas e José Fonticoba asinan as obras da exposición fotográfica colectiva “Tempo” que se inaugura este sábado, 2 de xuño, na sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor. O acto dará comezo ás 12 horas e estará presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, acompañado da concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, e a el está convidada toda a cidadanía.

A partir do sábado, a mostra poderá visitarse ata o 15 de xuño de luns a venres de 10 a 13 h e de 16 a 21 h e, os sábados, de 10 a 13 h.

“Tempo” é unha exposición colectiva de fotografía que xira en torno ó paso do tempo en Ferrol. Os/as fotógrafos que participan deste proxecto son un grupo de persoas da comarca de Ferrolterra que se xuntaron a partir dos talleres de fotografía que impartiu o fotodocumentalista Gabriel Tizón no marco do programa cultural da Área Sanitaria de Ferrol e, na actualidade, estudian e fan fotografía pola súa conta.

Algunhas das exposicións conxuntas que teñen realizado ata o dagora foron: “Optimismo”, empregando como sala de exposicións as paredes das casas derruídas de Ferrol Vello; “Lectura”, que se amosou en bibliotecas e centros educativos da bisbarra e “Ideas visuais” (Cedeira, 2015).