O Concello abre este mércores a inscrición no programa municipal “Verán máis Alá!”

O Concello abre este mércores a inscrición no programa municipal “Verán máis Alá!”

O programa está dirixido a nenos e nenas nados entre os anos 2006 e 2014 e celebrarase do 2 ó 27 de xullo no CEIP Centieiras

O Concello de Fene, a través da Concellería de Cultura, abrirá este mércores e xoves o prazo de inscrición no programa “Verán máis Alá!”, que se celebrará do 2 ó 27 de xullo no CEIP Centieiras para nenos e nenas nados entre os anos 2006 e 2014 e que cursen estudos de Educación Infantil e Primaria. As familias de Fene interesadas en optar a unha das 120 prazas por quincena que oferta o Concello deben anotarse no Departamento de Cultura e Deportes (Avenida Naturais, 44 entresollado dereita). O mércores 6 de xuño poden facelo de 8 a 19 horas e o xoves 7 de xuño de 8 a 14 horas. Así mesmo, e de quedar algunha praza vacante, o programa abrirase a veciños doutros concellos, que poderán formalizar o trámite o venres 8 de xuño de 8 a 14 h.


O luns 11 de xuño publicarase a listaxe dos participantes e, a partir de aí, poderá facerse o ingreso bancario (entregándose antes das 14 horas do venres 15 de xuño).


A cuota a abonar para todo o mes é a seguinte: primeiro membro da unidade familiar, 68,15 euros e, a partir do segundo, 36,70 euros. No caso da quincena, o primeiro membro abonaría 34,08 euros e, a partir do segundo, 18,35 euros. Así mesmo, hai descontos para familias en situación de escasa capacidade económica que, incluso, poden chegar á deducción do 100%.


Con este programa, o Concello quere contribuír á necesaria conciliación do traballo fóra da casa e o coidado dos fillos menores por parte das familias de Fene durante as vacacións escolares. Así mesmo, o proxecto ten un marcado carácter didáctico e as actividades xirarán en torno ó recoñecemento da diversidade a partir da propia identidade. De aí o lema que acompaña o proxecto: “Somos diferentes, somos iguais”. E todo isto, no idioma propio.


Entre as propostas, haberá actividades artísticas utilizando diferentes materiais que maximicen o potencial creativo das pequenas e pequenos artistas; actividades formativas que apoien o currículo formal escolar, sen perder de vista o contexto lúdico e educativo no que se desenvolven: contafábulas, contos e xogos en inglés, ciencia divertida…; xogos cooperativos e populares, predeporte e deportes convencionais para favorecer a socialización, a cooperación, a tolerancia e o xogo limpo; actividades acuáticas, con xogos na auga nas instalacións da Piscina Municipal; excursións para coñecer o Concello e outros puntos da comarca, ou mesmo danza, música e teatro.

Ligazóns