A totalidade das prazas de “Verán máis Alá!” cubriranse con familias empadroadas en Fene

A totalidade das prazas de “Verán máis Alá!” cubriranse con familias empadroadas en Fene

Ó ter preferencia, e cubrirse en medio día as prazas, non se abrirá prazo de preinscrición para a veciñanza doutros municipios

No primeiro día de preinscrición no programa municipal “Verán máis Alá!”, a Concellería de Cultura recibiu ata media mañá 150 solicitudes, co que a día de hoxe 30 persoas están xa en lista de agarda á espera do reaxuste que se poida realizar polas matriculacións por quincenas. Nesta liña, a concelleira de área, Rocío Bértoa, sinala que a lista de agarda aínda pode aumentar, xa que o prazo reservado para a veciñanza de Fene continuará hoxe ata as 19 horas e mañá xoves. Así as cousas, apunta que o Concello vese na obriga de non abrir o prazo de matriculación para veciños e veciñas doutros concellos, xa que non vai haber prazas. Inicialmente, ese trámite agora descartado estaba fixado para o venres. Así, as 120 prazas por quincena cubriranse con nenos e nenas empadroados no municipio.


Neste senso, a concelleira destaca a excelente acollida do programa, co que se busca favorecer, nos meses de vacacións escolares, a conciliación da vida laboral e persoal das familias con fillos nados entre os anos 2006 e 2014. Celebrarase do 2 ó 27 de xullo no CEIP Centieiras baixo o lema “Somos diferentes, somos iguais” e ofrecerá toda unha serie de actividades de ocio didáctico para os máis pequenos.
Á espera de pechar o prazo de preinscirición, o luns 11 de xuño publicarase a listaxe dos participantes e, a partir de aí, poderá facerse o ingreso bancario (entregándose antes das 14 horas do venres 15 de xuño).


A cuota a abonar para todo o mes é a seguinte: primeiro membro da unidade familiar, 68,15 euros e, a partir do segundo, 36,70 euros. No caso da quincena, o primeiro membro abonaría 34,08 euros e, a partir do segundo, 18,35 euros. Así mesmo, hai descontos para familias en situación de escasa capacidade económica que, incluso, poden chegar á deducción do 100%.