Presentación hoxe venres na Escola de Limodre do libro Centenario das Escolas de Instrucción dos “Naturales del Ayuntamiento de Fene”
08-06-2018
O acto dará comezo ás 20 horas e contará coas intervencións do autor, Guillermo Llorca, o alcalde, Gumersindo Galego, a presidenta da AVV de Limodre, Ana Santiago, e do historiador Juan Carneiro Rey
A Escola de Limodre será escenario hoxe venres, 8 de xuño, da presentación do libro Centenario das Escolas de Instrucción dos “Naturales del Ayuntamiento de Fene. 1916-2016”, do historiador e escritor Guillermo Llorca. O autor estará acompañado no acto, que dará comezo ás 20 horas, polo alcalde de Fene, Gumersindo Galego; a presidenta da AVV de Limodre, Ana Santiago, e o historiador Juan Carneiro Rey. Así mesmo, toda a cidadanía está convidada á cita, que se desenvolverá precisamente na antiga escola fundada polas sociedades de emigrantes e hoxe en día local da AVV de Limodre.
Unha obra que dá continuidade á exposición comisariada polo propio Guillermo
Llorca e impulsada polo Concello fenés co gallo do centenario das Escolas de Instrucción de los Naturales del Ayuntamiento de Fene. En palabras do alcalde, Gumersindo Galego, “esta publicación, coa que o Concello necesariamente se tiña que comprometer, bota luz coa súa ollada ó pasado, pero tamén constitúe un necesario legado para as xeracións presentes e futuras”.
Así, ó longo de máis de cen páxinas que atesouran un intenso traballo de investigación, o escritor Guillermo Llorca aborda o fenómeno migratorio e profundiza no contexto educativo do periodo que abrangue dende 1857 ata 1970. Arroxa luz sobre a intervención escolar dos ausentes e adica un capítulo especial á Sociedad de Instrucción y Recreo Naturales del Ayuntamiento de Fene e a Sociedade de Instrucción Hijos de Limodre.
O historiador Juan Carneiro Rey, encargado de presentar a obra e dar paso ó autor, é unha auténtica voz autorizada na materia e autor de numerosos artigos en diferentes revistas científicas e medios de comunicación. Entre eles, “Unha escola de indianos: A Unión Mugardesa” xunto con Miguel A. Rodríguez Vázquez.