O Concello promove no pavillón do Ramo un Campus de Ximnasia Artística e Trampolín para nenos e nenas a partir de 4 anos
11-06-2018
O concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, avanza que se celebrará do 25 ó 29 de xuño en colaboración coa Escola de Ximnasia Ferrolterra
O concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, avanzou esta mañá a celebración do Campus de Ximnasia Artística e Trampolín. Dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos, desenvolverase no pavillón do Ramo, en Barallobre, do 25 ó 29 deste mes de xuño e en horario de mañá, de 10 a 14 horas.
Entre as actividades previstas, non faltarán os xogos colectivos dirixidos, xogos e exercicios de coordinación, control corporal, axilidade e equilibrio; iniciación á ximnasia artística, coñecemento dos catro aparatos e elementos básicos; iniciación ó trampolín; expresión corporal, ou obradoiros de manualidades e pintura.
A Concellería de Deportes sinala que o prazo de inscricións permanecerá aberto do 18 ó 21 de xuño de 8,30 a 14 horas no Departamento de Cultura e Deportes do Concello de Fene (Avda. Naturais, 44, entrechán).
O campus, que se realiza en colaboración coa Escola de Ximnasia Ferrolterra, ten unha cota de 15,70 euros. Así mesmo, esta redúcese a 12,56 euros a partir do segundo membro da unidade familiar para residentes en Fene.
Ofértanse 40 prazas e requírese un mínimo de 12 para a súa celebración.