O Concello de Fene abre a inscrición nos cursos de verán de atletismo, tenis e kaiak
15-06-2018
Están dirixidos a nenos e rapazas e inclúense na oferta deportiva municipal
O concelleiro de Deportes, Xoán Manuel Bastida, informou esta mañá de que o próximo luns, 18 de xuño, abrirase o prazo de inscrición nos cursos deportivos de verán do Concello de Fene. Cursos de atletismo, tenis e kaiak. En todos os casos, deberá formalizarse no departamento de Cultura e Deportes (Avenida Naturais 44 entrechán) de 8,30 a 14 horas e o prazo remata o 5 de xullo.
No caso do atletismo, ofértanse 30 prazas e o curso desenvolverase do 9 de xullo ó 31 de agosto nas pistas de atletismo do Pazo, os luns, mércores e venres de 11 a 12 horas. A cota a abonar é de 21,95 euros e, a partir do segundo membro da unidade familiar para residentes en Fene, 17,56 euros.
As clases de tenis ofrecerán 48 prazas repartidas en tres quendas, terán lugar do 9 de xullo ó 17 de agosto os luns, mércores e venres (de 10 a 11 horas un grupo de nenos e nenas maiores de 8 anos; de 11 a 12 horas nenos e nenas de 4 a 8 anos, e de 12 a 13 horas un segundo grupo de nenos e nenas maiores de 8 anos). As clases levaranse a cabo nas pistas de tenis do CCRD Perlío e, en caso de choiva, trasladaranse ó pavillón do colexio Jorge Juan. A cota a abonar é de 23,25 euros (18,6 euros a partir do segundo membro da unidade familiar para residentes en Fene) e nas clases colaboran o CCRD Perlío e o Colexio Jorge Juan.
Por último, as clases de kaiak están dirixidas a nenos e nenas maiores de 8 anos que saiban nadar e celebraranse do 10 de xullo ó 16 de agosto, en dúas quendas: a primeira, os luns e mércores de 11,30 a 13,30 horas e, a segunda, os martes e xoves, nese mesmo horario. Ofrécense 20 prazas por quenda e as clases levaranse a cabo na praia de Almieiras, en Limodre. Colabora nas mesmas o mesón O Emigrante e a cota a abonar é igual á fixada para as clases de tenis.