Visita do alumnado e profesorado da Escola Infantil “A galiña azul” de Fene á súa mostra “Pequenas crianzas coa arte”
21-06-2018
A exposición permanecerá na Casa da Cultura ata o 29 de xuño, de luns a venres de 10 a 13 e de 16 a 20 h e os sábados de 10 a 13 h
A Casa da Cultura de Fene recibiu esta mañá unha visita moi, pero que moi especial. Os nenos e nenas da Escola Infantil “A galiña azul”, xunto ó equipo docente, achegáronse ata as instalacións culturais para disfrutar, e nunca mellor dito, das súas propias creacións artísticas. Esculturas, cadros ou siluetas de tamaño real dos propios nenos e nenas reunidos nunha mostra, “Pequenas crianzas coa arte”, que esta semana se inauguraba en Fene. Aquí estará ata o vindeiro 29 de xuño, con horario de visitas de luns a venres de 10 a 13 h e de 16 a 20 h e, os sábados, de 10 a 13 h. Esta mañá, o alcalde, Gumersindo Galego, achegábase tamén á Casa da Cultura para felicitar ós pequenos e pequenas artistas feneses.
Nenos e nenas que experimentaron ledicia, sorpresa, curiosidade, orgullo… un sinfín de emocións ó longo da visita realizada.
A exposición nace da programación “O Tempo das Artes”, onde a música, a pintura, o teatro, a danza e a poesía tiveron na escola infantil un pouco máis de relevo que de costume. As crianzas son grandes artistas que gozan mergullándose en cores, formas, texturas e sons que aloumiñan os seus sentidos. Así, sucedéronse as actuacións musicais, contacontos, dramatizacións e obradoiros coas familias, paso previo á mostra que agora se pode visitar na Casa da Cultura fenesa.