Últimos días para inscribirse no programa de prevención de condutas aditivas “Mocidade Activa”
Dirixido a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos, ofrecerá 4 obradoiros –Radio Difusión, Curtas, Toc Toc Talent e Formas Creativas para un Perfil Molón-
25-06-2018
O prazo para anotarse no programa de prevención de condutas aditivas “Mocidade Activa”, dirixido a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos, conclúe mañá martes, 26 de xuño.
O proxecto, que impulsan os concellos de Fene, Mugardos e Neda, incluirá a celebración de catro obradoiros durante os meses de xullo e agosto, e as persoas interesadas en anotarse poden facelo no Centro Municipal de Servizos Sociais do Concello de Fene ou no whatsapp 670034625.
Pechada a inscrición, formaranse os grupos que cheguen a un mínimo de 10 persoas matriculadas e elaborarase o calendario, coa premisa de que as actividades se desenvolvan dúas horas á semana, de 11,30 a 13,30 horas.
Ofertaranse catro obradoiros: Radio Difusión, Curtas, Toc Toc Talent e Formas Creativas para ter un Perfil Molón. Todo, cun obxectivo claro: reflexionar e sensibilizar sobre o consumo de sustancias e outra adicións, por medio de actividades e creando espazos de experimentación, de libre expresión e de creatividade propia, sen esquecer nunca a diversión.
A coordinadora do programa é a pedagoga municipal e técnica en prevención de drogodependencias e o proxecto está subvencionado pola Consellería de Sanidade. Así mesmo, dende o departamento chamarase ás/ós participantes confirmando inscrición, día e hora nos que se desenvolverán os obradoiros, que impartirá a empresa La Guagua.