A Unidade Móbil de Doazón de Sangue desprázase esta semana a Fene e San Valentín
25-06-2018
A unidade móbil de doazón de sangue desprazarase a Fene por partida dobre esta semana. En concreto, permanecerá diante do centro de saúde de Fene mañá martes, 26 de xuño, e o mércores 27 en horario de 9,30 a 14,30 e de 15,30 a 21 horas. Así mesmo, o venres 29 de xuño permanecerá diante da Farmacia de San Valentín de 15,30 a 21 horas.É por isto que dende o Concello anímase á veciñanza a tomar parte na campaña de doazón.
A doazón é un acto cómodo, sinxelo e que non perxudica a saúde, permitindo a moitas persoas resolver graves problemas de saúde e mesmo salvar a súa vida.
Para doar sangue só é preciso ter máis de 18 anos, pesar máis de 50 quilos e non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue (hepatites B ou C, sífilis ou SIDA). Antes de doazón, un profesional médico do Centro de Transfusión de Galicia verifica o cumprimento destes requisitos, e realiza unha breve entrevista confidencial para descartar calquera aspecto que puidera impedir a doazón.
A doazón, que só dura uns cinco minutos e na que o material utilizado é estéril e dun só uso, permite obter 450 ml de sangue que, posteriormente, son divididos en tres compoñentes: plaquetas, plasma e glóbulos vermellos.
Os compoñentes sanguíneos adoitan empregarse por separado polo que, cunha única doazón de sangue, o doador colabora coa recuperación de tres enfermos.