O Concello propón un sinfín de actividades para disfrutar do Día do Deporte na Rúa
Celebrarase este domingo, 1 de xullo, de 10,30 a 14 h e, entre as actividades, haberá un circuito de karts, inchables, atletismo ou tiro con arco
27-06-2018
O Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida, organiza este domingo, 1 de xullo, o Día do Deporte na Rúa. E farao cunha morea de propostas como slakline, fútbol, inchables, circuito de karts a pedal, patinaxe, deportes de raqueta, pintadas, “decora a túa camiseta”, atletismo divertido ou tiro con arco, entre outras actividades.
Así mesmo, aqueles que participen en tres actividades ou máis recibirán unha camiseta conmemorativa da xornada ata esgotar existencias.
Os escenarios onde se desenvolverán as actividades do Día do Deporte na Rúa serán a Avenida de Tarrío, a rúa San Salvador, os arredores do CEIP Centieiras e o Círculo de Perlío. E, os horarios, de 10,30 a 14 horas.
Nesta liña, o edil Xoán Manuel Bastida convida a todo o mundo a sumarse á iniciativa e agradece especialmente a colaboración do colexio Jorge Juan, CCRD Perlío e Amigos da Chave de Ferrolterra na mesma.