Fene celebra domingo o Día do Deporte na Rúa
O Concello propón preto de vinte actividades de participación libre e gratuíta para toda a familia e repartirá unhas mil camisetas conmemorativas
29-06-2018
Zumba, karts a pedal, esgrima de foam, un voleibol xigante ou un futbolín humano son algunhas das variadas actividades que este ano a Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida propón no marco do Día do Deporte na Rúa.
Celebrarase este domingo, abrindo o calendario de xullo, e a participación é libre e gratuíta en todas elas.
Comezarán ás 10,30 horas e prolongaranse ata as 14 en diferentes escenarios: Avenida de Tarrío, rúa San Salvador, arredores do CEIP Centieiras e do Círculo de Perlío. En caso de mal tempo, trasladaríanse ó pavillón da Xunqueira.
Así mesmo, Bastida avanza que se repartirán de balde un millar de camisetas conmemorativas. Para conseguir unha basta con pasarse pola organización, coller a cartulina de actividades e participar en tres delas.
En concreto, as actividades son as seguintes: atletismo divertido, zumba, baloncesto e baloncesto en cadeiras de rodas, actividades de raqueta, xogos populares, circuito de karts a pedal, voleibol xigante, balonmán circular, pintadas do deporte na rúa, tiro con arco, esgrima de foam, equilibrismo, malabarismo, realización de chapas conmemorativas, tobogán inchable, futbolín humano, pista de obstáculos inchable, inchable para pequenos...
Nesta liña, o edil Xoán Manuel Bastida convida a todo o mundo a sumarse á iniciativa e agradece especialmente a colaboración do colexio Jorge Juan, CCRD Perlío e Amigos da Chave de Ferrolterra na mesma.