Circo Chosco inaugura o Ciclo “Día de Galicia” co seu espectáculo de novo circo a pé de rúa
09-07-2018
A actuación terá lugar na praza do Alcalde Ramón Souto González ás 22 h
A compañía Circo Chosco, co seu espectáculo “Forzu2”, inaugurará esta noite o ciclo “Día de Galicia” que promove o Concello de Fene para conmemorar tan sinalada data. A actuación, que se desenvolverá na praza do Alcalde Ramón Souto González, dará comezo ás 22 horas.
Trátase dun show de novo circo no que o humor e o absurdo son eixes centrais. Ata Fene trasladaranse dous atletas ben cómicos que protagonizarán esceas olímpicas, malabares, acrobacias, números de incrible forza e xogos co público. Risco, desastre, sorpresa e absurdo son palabras que poden aparecer en calquera momento, pero estes dous artistas saben saír de todas as situacións que lles comprometen continuamente. Coa presenza constante da técnica en forma de portés, lume, acrobacias aéreas e malabares imposibles.
Programación durante toda a semana
Mañá martes, e tamén ás 22 horas, o Concello ten programado un concerto do grupo de rock ITH, que presentará o disco “O mínimo que o contén todo”. Este grupo de Xanceda toma nome dun príncipe celta e dende os seus inicios, alá polo ano 2001, mantén o principio de facer rock en galego. Despois de moitos ir e vir de músicos, a formación actual está integrada por Miguel (guitarra), Toxo (baixo), Gonzalo (batería), Lucía (voz) e Miguel Folgueira (voz). Nestes 10 anos de traxectoria musical; o grupo percorreu boa parte da xeografía galega. Conta cunha maqueta e cun disco editado gravado en directo. A súa música contén influencias de diversos grupos do rock, do heavy ou do pop, tanto estatal como internacional. Influencias achegadas por cada un dos compoñentes e que se aglutinan nos seus temas de composición propia.
O mércores será o turno, ás 20,30 horas, do Certame de Habaneiras e Canto Coral. Tomarán parte as corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños; SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene, así como as rondallas “Perla do Río” do CCRD de Perlío e “Estrelecer” do CMI Unidade de Fene e do Tradicoro.
O xoves, 12 de xullo, a partir das 20 horas, o Concello convida á veciñanza á Festa dos Avós, que incluirá un xantar popular con degustación gratuíta de racións. O Concello fai este esforzo para recompensar o que fan precisamente as persoas maiores cada día para continuar construíndo unha sociedade mellor e sostendo en moitos casos tantas familias. As bebidas haberá que abonalas, aínda que a recadación terá un destino social, xa que se dirixirá a Cáritas. Recupérase así unha tradición iniciada na anterior lexislatura cunha grande afluencia de veciños e veciñas.
E, sobre as 22,30 horas, actuación da orquestra Nautilus Band, que ofrecerá en Fene o seu espectáculo “Chega o baile”. Un show moi dinámico e variado co fin de poder satisfacer as necesidades e peticións máis específicas dos diferentes públicos, abarcando dende os boleros máis nostálxicos ata os ‘covers’ do rock máis actual; todo isto sen descoidar a música da verbena galega que segue a ser o seu sinal de identidade, especialmente na nosa lingua. Dúas trompetas e un saxo, dous percusionistas, teclado, baixo, guitarra e catro cantantes sobre o escenario para garantir que “chega o baile”.
E, pechando a semana, o venres ás 20,30 h no monumento “Día da Patria Galega”, lectura da declaración institucional a cargo de María Rivera Rodríguez, autora do libro “Sillobre ven de antigo”. Un acto con broche de ouro: a actuación na praza do Alcalde Ramón Souto González, ás 22 horas, de Ses. Presentará o seu disco “Readmirando a condición, o quinto traballo da cantante coruñesa e no que volve gravar, musicar e arranxar o seu primeiro álbum, “Admirando a condición”, que publicara en 2011. Este novo CD inclúe ademais un tema inédito -e homónimo-. Un total de doce temas, dos cales once corresponden ó seu primeiro álbum, que contiña éxitos como “Tempestades de sal” ou “Non son fada”. Desta volta, a cantora dálle un son máis “SES” ó seu disco de debut, convertendo aqueles temas nun son -en moitos casos- totalmente diferente, cunha sonoridade máis potente. Estas once cancións foron gravadas desde cero e producidas e arranxadas por ela mesma, a diferenza do primeiro disco.