O grupo de rock ITH presenta o seu último traballo esta noite en Fene no marco do Ciclo “Día de Galicia” organizado polo Concello
10-07-2018
A actuación terá lugar na praza do Alcalde Ramón Souto González ás 22 h
O Concello convida a veciñanza e visitantes a asistir esta noite, a partir das 22 horas, ó concerto do grupo de rock ITH, que presentará na praza do Alcalde Ramón Souto González o disco “O mínimo que o contén todo”. A actuación forma parte do ciclo “Día de Galicia” organizado pola Concellería de Cultura de Fene.
Este grupo de Xanceda toma nome dun príncipe celta e dende os seus inicios, alá polo ano 2001, mantén o principio de facer rock en galego. Despois de moitos ir e vir de músicos, a formación actual está integrada por Miguel (guitarra), Toxo (baixo), Gonzalo (batería), Lucía (voz) e Miguel Folgueira (voz). Nestes 10 anos de traxectoria musical; o grupo percorreu boa parte da xeografía galega. Conta cunha maqueta e cun disco editado gravado en directo. A súa música contén influencias de diversos grupos do rock, do heavy ou do pop, tanto estatal como internacional. Influencias achegadas por cada un dos compoñentes e que se aglutinan nos seus temas de composición propia.
A programación deseñada polo Concello continuará mañá mércores ás 20,30 horas co Certame de Habaneiras e Canto Coral. Tomarán parte as corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños; SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene, así como as rondallas “Perla do Río” do CCRD de Perlío e “Estrelecer” do CMI Unidade de Fene e do Tradicoro.
Ó día seguinte, xoves 12 de xullo, a partir das 20 horas, o Concello convida á veciñanza á Festa dos Avós, que incluirá un xantar popular con degustación gratuíta de racións. O Concello fai este esforzo para recompensar o que fan precisamente as persoas maiores cada día para continuar construíndo unha sociedade mellor e sostendo en moitos casos tantas familias. As bebidas haberá que abonalas, aínda que a recadación terá un destino social, xa que se dirixirá a Cáritas. Recupérase así unha tradición iniciada na anterior lexislatura cunha grande afluencia de veciños e veciñas. E, sobre as 22,30 horas, actuación da orquestra Nautilus Band, que ofrecerá en Fene o seu espectáculo “Chega o baile”. Un show moi dinámico e variado co fin de poder satisfacer as necesidades e peticións máis específicas dos diferentes públicos, abarcando dende os boleros máis nostálxicos ata os ‘covers’ do rock máis actual; todo isto sen descoidar a música da verbena galega que segue a ser o seu sinal de identidade, especialmente na nosa lingua. Dúas trompetas e un saxo, dous percusionistas, teclado, baixo, guitarra e catro cantantes sobre o escenario para garantir que “chega o baile”.
Pechando a semana, o venres ás 20,30 h no monumento “Día da Patria Galega”, lectura da declaración institucional a cargo de María Rivera Rodríguez, autora do libro “Sillobre ven de antigo”. Un acto con broche de ouro: a actuación na praza do Alcalde Ramón
Souto González, ás 22 horas, de Ses. Presentará o seu disco “Readmirando a condición, o quinto traballo da cantante coruñesa e no que volve gravar, musicar e arranxar o seu primeiro álbum, “Admirando a condición”, que publicara en 2011.
Este novo CD inclúe ademais un tema inédito -e homónimo-. Un total de doce temas, dos cales once corresponden ó seu primeiro álbum, que contiña éxitos como “Tempestades de sal” ou “Non son fada”. Desta volta, a cantora dálle un son máis “SES” ó seu disco de debut, convertendo aqueles temas nun son -en moitos casos- totalmente diferente, cunha sonoridade máis potente. Estas once cancións foron gravadas desde cero e producidas e arranxadas por ela mesma, a diferenza do primeiro disco.