Arrancan os obradoiros do programa Mocidade Activa que promoven os concellos de Mugardos, Neda e Fene

Arrancan os obradoiros do programa Mocidade Activa que promoven os concellos de Mugardos, Neda e Fene

A Concellería de Benestar Social informa de que queda algunha praza libre, co que se manterá aberto o prazo de inscrición ata completar as ofertadas

Os obradoiros do programa Mocidade Activa, que promove o Concello de Fene xunto ós de Mugardos e Neda, arrancaron esta mañá. E, máis concretamente, o taller Radio Difusión e Experimentos Sociolóxicos, que se celebrará todos os martes ata finais de agosto en horario de 11 a 14 horas. Pola súa banda, o obradoiro de Curtas comezará este xoves no mesmo horario e, como no caso anterior, desenvolverase semanalmente durante este mes e o seguinte. Nun e noutro caso, as actividades teñen lugar na Aula de Informática do Concello (Avenida Naturais, 44 entresollado dereita) e están dirixidas a rapaces e rapazas de entre 14 e 17 anos.


No taller de Radio Difusión quedan catro prazas libres e no de Curtas cinco, co que o Concello manterá aberto o prazo de inscrición ata completalas. Así, as persoas interesadas en tomar parte deben anotarse no Centro Municipal de Servizos Sociais ou no whatsapp 670034625.


No obradoiro de Radio Difusión realizaranse experimentos sociais onde a rapazada participante fará as veces de reporteiros/as ou verá como se comporta a xente ante diferentes noticias pensadas para crear debate. Estes contidos e outros producidos emitiranse e difundiranse en Radio Fene. Pola súa banda, no obradoiro de curtas realizaranse estes traballos a partir de temáticas traballadas e elixidas pola rapazada participante, empregando técnicas novidosas e creativas –entre elas, body Paint con pinturas de neon, efectos de luz…-.


Mocidade Activa é un programa subvencionado pola Consellería de Sanidade de prevención de condutas aditivas entre a mocidade. Os obradoiros están impartidos pola empresa La Guagua e a coordinadora do programa é a pedagoga municipal.