Fene celebrará esta tarde o Certame de Habaneiras e Canto Coral
11-07-2018
Terá lugar na praza do Alcalde Ramón Souto González ás 20,30 h
O ciclo “Día de Galicia”, programación deseñada pola Concellería de Cultura de Fene con motivo do 25 de xullo, continúa este mércores co Certame de Habaneiras e Canto Coral. Será a partir das 20,30 horas na praza do Alcalde Ramón Souto González e, nel, tomarán parte as corais polifónicas do CPS de San Valentín, ACDR O Pote de Maniños; SCRD Agarimo de Sillobre e Eterna Xuventude do Centro Social de Fene, así como as rondallas “Perla do Río” do CCRD de Perlío e “Estrelecer” do CMI Unidade de Fene e do Tradicoro. Unha cita que se prevé multitudinaria.
Así mesmo, a programación continuará o xoves coa Festa dos Avós. Será a partir das 20 horas e incluirá un xantar popular con degustación gratuíta de racións de churrasco –que preparará a AVV de Magalofes-, empanada, bola e botella de auga ata esgotar existencias. Así mesmo, haberá tamén inchables na Avenida do Concello para os máis pequenos e pequenas da casa. O Concello fai este esforzo para recompensar o que fan precisamente as persoas maiores cada día para continuar construíndo unha sociedade mellor e sostendo en moitos casos tantas familias. As bebidas haberá que abonalas, aínda que a recadación terá un destino social, xa que se dirixirá a Cáritas. Recupérase así unha tradición iniciada na anterior lexislatura cunha grande afluencia de veciños e veciñas. E, sobre as 22,30 horas, actuación da orquestra Nautilus Band, que ofrecerá en Fene o seu espectáculo “Chega o baile”. Un show moi dinámico e variado co fin de poder satisfacer as necesidades e peticións máis específicas dos diferentes públicos, abarcando dende os boleros máis nostálxicos ata os ‘covers’ do rock máis actual; todo isto sen descoidar a música da verbena galega que segue a ser o seu sinal de identidade, especialmente na nosa lingua. Dúas trompetas e un saxo, dous percusionistas, teclado, baixo, guitarra e catro cantantes sobre o escenario para garantir que “chega o baile”.
Pechando a semana, o venres ás 20,30 h no monumento “Día da Patria Galega”, lectura da declaración institucional a cargo de María Rivera Rodríguez, autora do libro “Sillobre ven de antigo”. Un acto con broche de ouro: a actuación na praza do Alcalde Ramón Souto González, ás 22 horas, de Ses. Presentará o seu disco “Readmirando a condición, o quinto traballo da cantante coruñesa e no que volve gravar, musicar e arranxar o seu primeiro álbum, “Admirando a condición”, que publicara en 2011.
Este novo CD inclúe ademais un tema inédito -e homónimo-. Un total de doce temas, dos cales once corresponden ó seu primeiro álbum, que contiña éxitos como “Tempestades de sal” ou “Non son fada”. Desta volta, a cantora dálle un son máis “SES” ó seu disco de debut, convertendo aqueles temas nun son -en moitos casos- totalmente diferente, cunha sonoridade máis potente. Estas once cancións foron gravadas desde cero e producidas e arranxadas por ela mesma, a diferenza do primeiro disco.