O cantante Enrique Ramil comparte as súas experiencias no programa Mocidade Activa que impulsan Fene, Mugardos e Neda
26-07-2018
O artista fixo un alto na súa xira de concertos por España para abordar temas como o bulling, a sexualidade, a igualdade ou a educación cos rapaces e rapazas que participan nos obradoiros
Enrique Ramil, cantante aresán ex concursante de Operación Triunfo e, máis recentemente de Factor X, fixo unha parada na súa xira de concertos por toda España para visitar onte pola mañá en Fene ós rapaces e rapazas que participan no programa Mocidade Activa. Un programa que impulsan conxuntamente os concellos de Fene, Mugardos e Neda e que nace para fomentar hábitos saudables e alternativas enriquecedoras entre a mocidade, que deixen ó marxe condutas aditivas.
Foron moitas as preguntas que lle tiñan preparadas os mozos e mozas e unha morea as reflexións que se levaron dunha charla de case dúas horas. O cantante amosouse aberto a calquer tema e compartiu as súas experiencias e visión: “A vida é como o tetris, cando encaixas coa multitude desapareces. Non teñas medo a ser a peza diferente se cres que tes que selo. Atrévete e busca dentro de ti o que che fai feliz”.
Faloulles da súa filosofía de vida, “facer o que che diga o corazón, porque é o único libro de instruccións co que nacemos”, e abordou a súa traxectoria profesional e todas as barreiras que tivo que superar. Tamén da liberdade sexual, do bulling, educación, proxectos futuros pero, sobre todo, falou de talento, de buscar en cada quen o que lle gusta e sinte e da necesidade de formarse e esforzarse.
En relación á súa traxectoria profesional, rapaces e rapazas interesáronse pola súa experiencia máis gratificante sobre un escenario e tamén a máis dura. A segunda, respondeu, cando tivo que saír a cantar trala morte do seu avó e, a máis fermosa, seguen a ser as vividas en Londres, cantando na rúa porque “vivín cousas que me marcaron para toda a vida. Xente que me abrazaba simplemente por conectar co que eu estaba cantando, e que se emocionaba a diario”.
O bulling convertiuse tamén nun tema central da visita. Enrique Ramil considera ó respecto que “o que te chaman cando te insultan non te define a ti, senón a eles”, así como que “o medo está detrás de todo o malo que hai na vida e a forma de neutralizalo é o amor”, para engadir que “se ti respetas a esa persoa coma ser humano, acábanselle as armas”.
Respecto ó talento, Enrique Ramil tenno moi claro: “todos temos sitio para brillar na sociedade sexamos como sexamos”.
Outro tema tratado foi a educación en España e Ramil ofreceu a súa opinión, asegurando que debería incorporar ferramentas para a vida e materias como a resolución de conflitos, a intelixencia emocional, a xestión da frustración, a comunicación e a linguaxe non violenta ou habilidades sociais.
Á pregunta “que opinas da mentalidade da xente que rexeita calquer opción diferente”, Enrique Ramil foi rotundo: “ante a mala educación: información”.
Unha visita que concluía cunha mensaxe clara ós rapaces e rapazas: “Pensade que sempre pode haber alguén a quen lle estedes salvando a vida… sempre podes ser exemplo para alguén… fagas o que fagas, que te represente, porque non sabes a quen pode axudar que ti sexas ti mesmo”.
Mocidade Activa é un programa de obradoiros para mozos e mozas de 14 a 17 anos subvencionado pola Consellería de Sanidade no marco das políticas de prevención de condutas aditivas entre a mocidade. Os obradoiros están impartidos pola empresa La Guagua e a coordinadora do programa é a pedagoga municipal.
Desenvólvense todos os martes, de 11 a 14 horas na Aula de Informática do Concello de Fene e aínda queda algunha praza libre. Así, as persoas interesadas en tomar parte deben anotarse no Centro Municipal de Servizos Sociais de Fene ou no whatsapp 670034625.