O Concello de Fene abre a inscrición nunha serie de obradoiros gratuítos sobre novas tecnoloxías dirixidos principalmente a mulleres
31-07-2018
A iniciativa enmárcase na relación de colaboración co Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas e busca incidir na formación para unha mellor incorporación da muller ós novos sectores de emprego
O Concello de Fene, a través da Concellalía de Benestar Social e Igualdade, colabora co Instituto de Investigacións Científicas e Ecolóxicas (I.N.I.C.E.) de Salamanca e con sede en Barallobre na posta en marcha de varios obradoiros sobre o uso das novas tecnoloxías (uso do móbil, manexo do computador, redes sociais, correo electrónico, procesador de textos, folla de cálculo, presentacións...). Actividades a favor da igualdade que son totalmente de balde para as persoas participantes. Este programa pretende incidir na formación e mellor incorporación da muller á sociedade e que estea presente nos novos sectores de emprego.
Os obradoiros impartiránse entre os meses de setembro e decembro e celebraránse en distintas sedes e/ou entidades do Concello de Fene. Poderán participar todas as mulleres do Concello sen límite de idade interesadas nestas temáticas, podendo alcanzar os contidos mínimos ou ben perfeccionar os que xa posúan. Tamén está aberta á participación da poboación masculina, aínda que no caso de encher prazas, terán preferencia as mulleres dado o carácter da subvención concedida a INICE por parte do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.
Poden organizarse grupos de mañá ou tarde e serán actividades de hora e media de duración a impartir en un ou dous días por semana (ou os que estime oportuno o grupo). Así, as persoas interesadas poden inscribirse dende xa contactando con INICE (646 385 736) ou co Centro Municipal de Servizos Sociais en San Valentín (981 342607 – 981 492706).