Proxecto INDIRA, Encontros de Mulleres

Proxecto INDIRA, Encontros de Mulleres

Dirixido principalmente a mulleres que sufriron violencia machista, busca potenciar o autocoidado a nivel emocional e psicolóxico

A Concellería de Benestar Social e Igualdade, a través do Servizo Municipal de Atención á Muller, pon en marcha durante o mes de agosto o Proxecto Indira, Encontros de Mulleres. Dita actividade vai dirixida principalmente a mulleres que sufriron violencia machista aínda que pode participar calquera muller que quera mellorar a súa autoestima, coñecerse, respectarse, crecer persoalmente, potenciar o seu autocoidado a nivel emocional e psicolóxico e, sobre todo, empoderarse. Para participar é preciso inscribirse previamente achegándose ao Centro Municipal de Servizos Sociais (Av. do Mar, Bloque 1-baixo en San Valentín); chamando por teléfono (981 342 607 ou 981 492 706); enviando un correo electrónico (servizos.sociais@fene.gal co asunto INSCRICIÓN INDIRA e indicando nome e apelidos e teléfono de contacto).


Os encontros comezarán o 2 de agosto e celebraranse ata o día 30 os martes e xoves de 10,30 a 12,30 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais.

As consecuencias que sofren as mulleres que atravesan un proceso de violencia machista requiren dun proceso persoal de aceptación e coidado persoal, que lles permita reparar parte do dano causado. Os encontros grupais entre persoas facilitan unha apertura emocional para o intercambio de experiencias e a xeración de relacións amables coas que compartir tempos e pensamentos.


“Proxecto Indira” trátase dun espazo onde as mulleres poden experimentar, coñecerse, crecer xuntas, relaxarse e gozar. É unha proposta activa e mobilizadora da condición feminina, co obxectivo de apoiar unha transformación real na vida das mulleres, pola súa propia saúde individual e familiar.


Os grupos serán dirixidos por unha psicoterapeuta con ampla experiencia en traballo con mulleres, terapia do reencontro, igualdade e violencia de xénero. A coordinación, organización e seguimento estarán realizados pola psicóloga responsable técnica do Servizo Municipal de Atención á Muller.

 

Espazo de Conciliación

Para aquelas mulleres que teñan baixo o seu coidado aos seus fillos e/ou fillas, o Concello de Fene porá a disposición un Espazo de Conciliación onde poden estar os menores durante o período de realización da actividade. Dito espazo contará con persoal especializado en actividades infantís que proporcionará aos nenos e nenas actividades de ocio e diversión, baixo o prisma da perspectiva de xénero e a promoción da igualdade. A actividade está enmarcada no Programa de Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero, subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciada pola Unión Europea PO Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.

Ligazóns