Dezasete mulleres de Fene e bisbarra participarán no Proxecto INDIRA, Encontros de Mulleres
01-08-2018
O Concello de Fene informa de que queda unha praza vacante
Un total de 17 mulleres de Fene e bisbarra participarán dende mañá xoves, 2 de agosto, no “Proxecto INDIRA, Encontros de Mulleres” que promove o Concello. Con perfís, procedencias, experiencias de vida e idades moi diferentes, confórmase un grupo moi heteroxéneo e á vez moi enriquecedor, onde traballarán as súas capacidades, á súa autoestima, coñeceranse un pouco máis a si mesmas, respectaranse, potenciarán o seu autocoidado emocional e psicolóxico... todo de cara á consecución do seu empoderamento como mulleres e como persoas.
O grupo camiñará da man dunha terapeuta experta en xénero e igualdade, con ampla experiencia no traballo con grupos de mulleres, terapia do reencontro e violencia de xénero. A coordinación, organización e seguemento estarán realizados pola psicóloga responsable do Servizo Municipal de Atención á Muller do Concello de Fene.
O programa levarase a cabo ata o 30 de agosto, martes e xoves de 10,30 a 12,30 horas, no Centro Municipal de Servizos Sociais (Avenida do Mar, Bloque 1 – baixo. San Valentín). Aínda queda unha praza vacante e para anotarse é preciso poñerse en contacto coa psicóloga do Servizo Municipal de Atención á Muller nos teléfonos: 981342607 // 981492706 ou enviando un correo electrónico a servizos.sociais@fene.gal indicando no asunto: INSCRICIÓN INDIRA e facilitando o nome, apelidos e un teléfono de contacto.
A actividade está enmarcada no Programa de Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero, subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciada pola Unión Europea PO Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.