Clausura do proxecto INDIRA, Encontros de Mulleres coa vista posta en reeditar a iniciativa
Quince mulleres tomaron parte na acción durante o mes de agosto
03-09-2018
Un total de 15 mulleres de Fene e bisbarra participaron durante todo o mes de agosto no proxecto, acadándose practicamente ó cen por cen os obxectivos do mesmo.
Mulleres con diferentes perfís, procedencias, experiencias de vida e idades que, da man dunha terapeuta experta en igualdade, violencia de xénero e coidado emocional, traballaron no fortalecemento da súa autoestima e a súa valía persoal. A toma de conciencia das súas capacidades, do seu propio coñecemento e o respecto cara elas mesmas para mellorar o seu autocoidado emocional e psicolóxico potenciou a consecución do seu empoderamento como mulleres e como persoas.
O proxecto remataba coa mirada posta na continuidade do mesmo e co obxectivo de poder abrilo a máis mulleres, xa que houbo algunhas que quedaron fóra por circunstancias persoais. A experiencia tan positiva desta iniciativa e a propia demanda das mulleres participantes xenerou un compromiso de cara a acadar fondos para a súa continuidade nos vindeiros meses.
A coordinación, organización e seguemento estiveron a cargo da psicóloga responsable do Servizo Municipal de Atención á Muller e a actividade enmarcouse no Programa de Prevención e Tratamento Integral da Violencia de Xénero, subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia e cofinanciada pola Unión Europea PO Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020.