O Concello de Fene retoma co inicio do curso o obradoiro de Educación Física contra a Fatiga Oncolóxica
11-09-2018
O prazo de inscrición na actividade abrirase do 19 ó 25 de setembro
O Concello de Fene, a través da Concellería de Deportes que dirixe Xoán Manuel Bastida, retomará neste curso 2018-2019 os obradoiros de Educación Física contra a Fatiga Oncolóxica. Celebraranse no pavillón de San Valentín a partir do mes de outubro co obxectivo de tratar de reducir na medida do posible a fatiga que acompaña ó cancro e ós seus tratamentos. O prazo de matrícula permanecerá aberto entre o 19 e o 25 de setembro nas dependencias administrativas do pavillón polideportivo da Xunqueira e o prezo do obradoiro é de 15,70 euros bimensuais a ingresar unha vez confirmada a praza.
Estas cubriranse por rigorosa orde de inscrición e non se admitirán telefonicamente. Así mesmo, están limitadas a oito por curso e, aínda que os horarios poderán estar sometidos a cambios segundo as inscricións, inicialmente está previsto que se celebre un taller mércores e venres de 11 a 12 h e un segundo obradoiro luns e mércores de 17 a 18 h. Sinalar que os obradoiros renovaranse cada dous meses.
Trátase dunha actividade de intensidade suave a moderada, que tratará de axustarse en tódolos casos ás características e posibilidades de cada persoa e, como é habitual, basearase nos contidos propios da Educación Física, así como tamén exercicio cardiovascular, mobilidade articular, estiramentos, relaxación, respiración, forza a nivel funcional, equilibrio, coordinación, xogos,... empregando para tal fin os exercicios físicos e os métodos máis aconsellables.
O alumnado desta actividade pode matricularse tamén con algún acompañante aínda que non sufra os efectos do cancro nin do seu tratamento (sempre que haxa prazas dispoñibles).