O Concello de Fene retoma os obradoiros gratuítos de Tardes Activas para persoas maiores de 55 anos
13-09-2018
A Concellería de Servizos Sociais propón o Obradoiro de Recuperación da Memoria, o Obradoiro de Activación da Memoria e Recordando o Noso
O Concello de Fene, a través da Concellería de Benestar Social e Igualdade que dirixe Juana Barro, retomará este mes os Obradoiros de Recuperación da Memoria, os Obradoiros de Activación da Memoria e os Obradoiros Recordando o Noso. Están dirixidos a persoas maiores de 55 anos, son completamente gratuítos, e inclúense no programa Tardes Activas. As persoas que desexen sumarse ó proxecto poden inscribirse no Centro Municipal de Servizos Sociais.
Máis polo miúdo, o Obradoiro de Recuperación da Memoria arrancará este mes e celebrarase todos os xoves de 16,30 a 18 horas no Centro Municipal de Servizos Sociais. Nel realizaranse actividades en grupo encamiñadas a mellorar a memoria, a linguaxe, a orientación, a atención... co obxecto de retrasar o inicio dunha demencia ou mantela estable sen empeoramento.
Pola súa banda, os Obradoiros de Activación da Memoria impartiranse na AVV de Limodre a partir do 24 de setembro todos os luns de 18 a 19,30 horas, e no CPS de San Valentín dende o 2 de outubro os martes de 16,45 a 18,15 horas. No mesmo levaranse a cabo actividades para manter activa a mente e mellorar a memoria naquelas persoas con esquecementos cotiás (onde están as chaves, como era o nome de...), utilizaranse dinámicas de ocio e grupais para a realización das actividades. Ó longo das sesións as actividades centraranse en mellorar a atención, estimulación visual, coordinación, calculo, linguaxe...
Finalmente, os Obradoiros Recordando o Noso terán lugar en catro escenarios diferentes. Na ACDR Liga de Amigos de Barallobre os xoves dende o 4 de outubro de 18,15 a 19,45 horas; na SCRD Agarimo de Sillobre os martes a partir do 2 de outubro de 18,30 a 20 horas; no CCRD os mércores dende o 3 de outubro de 16,30 a 18 horas e na AVV San Xurxo de Magalofes os venres a partir do 5 de outubro de 19 a 20,30 horas. A través destes obradoiros traballaranse as diferentes funcións cognitivas dende unha perspectiva máis dinámica aportando vivencias. O obxectivo será facer unha recuperación da historia da parroquia, rutas de interese ou outras temáticas que elixan as persoas participantes en cada grupo.
Nesta liña, a concelleira Juana Barro explica que con este proxecto ofrécense actividades e experiencias para as persoas que se atopan na madurez co fin de que poidan gozar dun tempo de lecer activo e satisfactorio contribuíndo a mellorar a imaxe social das persoas maiores e proporcionando ás persoas adultas claves e oportunidades para acadar un envellecemento activo e satisfactorio.
As prazas son limitadas, cubriranse por orde de inscrición e o prazo permanecerá aberto ata o día 24 de setembro no Centro Municipal de Servizos Sociais para as persoas que desexen sumarse ós obradoiros. Así mesmo, aquelas persoas que se matricularon o pasado curso xa non precisan facer a inscrición. Máis información no Centro Municipal de Servizos Sociais, enderezo servizos.sociais@fene.gal ou teléfonos 981.492.706 / 981 342607.