Fene, Mugardos e Neda promoven un Curso de Mediadores/as Sociais

Fene, Mugardos e Neda promoven un Curso de Mediadores/as Sociais

Estará impartido por ASFEDRO e a inscrición pode formalizarse dende xa e ata o 10 de outubro no Centro de Servizos Sociais

O Concello de Fene, xunto ós de Mugardos e Neda, promove un Curso de Mediadores/as Sociais no marco do proxecto conxunto de prevención de condutas aditivas que subvenciona a Consellería de Sanidade. No caso de Fene, a acción formativa desenvolverase na Casa da Cultura os mércores 17, 24 e 31 de outubro así como os días 7, 14, 21 e 28 de novembro, de 18 a 20 horas. As prazas están limitadas a 20 e cubriranse por orde de inscrición. O prazo para anotarse está aberto ata o 10 de outubro e pode formalizarse no Centro Municipal de Servizos Sociais (Avda do Mar, bloque 1, baixo San Valentín). Así mesmo, as fichas de inscrición poden descargarse da web municipal premendo aquí.

As sesións serán impartidas por persoal técnico de ASFEDRO e, entre os contidos, abordarase: “Adolescencia, drogas e adiccións. Enfoques actuais”; “Información xeral sobre drogas”; “Saúde comunitaria. Conceptos básicos na prevención das condutas adictivas”; “Primeiros auxilios. Reanimación cardiopulmonar” e “O papel da persoa mediadora na prevención de condutas adictivas”.

Así mesmo, a pasada semana, a concelleira de Benestar Social, Juana Barro, acompañada da pedagoga municipal e técnica en prevención, responsable do programa, María José Paz, e a técnica de ASFEDRO, tomaron parte nunha xuntanza coas entidades sociais, culturais e deportivas na que se presentou o programa para sensibilizar e difundilo entre as persoas directivas e monitorado que está ó fronte das actividades, xa que é a elas a quen se dirixe fundamentalmente o curso. Entre outros temas, tratáronse os obxectivos que se marcan no programa, como son mellorar as actitudes preventivas das persoas mediadoras; incrementar os coñecementos sobre os contidos preventivos ou fomentar as súas habilidades para a planificación de programas preventivos.

Máis información ou dúbidas sobre o curso, nos teléfonos 981 492 706 e 981 342 607 ou correo servizos.sociais@fene.gal.

Descargas